Artesanía de Galicia impulsa a entrada de xóvenes no sector con accións formativas para alumnos da EASD Mestre Mateo
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, asistiu hoxe ao arranque do primeiro dos cursos de formación que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, promove en colaboración coa Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela co fin de favorecer a entrada de mozos no sector da artesanía galega.
A primeira acción formativa, “Iniciación á pasamanería tradicional”, é impartida polo artesán do téxtil Rafael González Goyanes do Centro de Recuperación da Cultura Popular do Castelo do Sobroso de Ponteareas, e ten como finalidade dar a coñecer aos alumnos as técnicas da pasamanería tradicional para a súa posterior aplicación a novas creacións. O curso, ao que terán acceso un total de 10 alumnos da escola e un docente da propia escola, terá unha duración de 28 horas e rematará o 18 de decembro.
Darán continuidade a este programa de formación no que participarán un total de 40 alumnos da EASD Mestre Mateo, o curso impartido pola artesá pontevedresa Viviana Araújo, finalista nos Premios Artesanía de Galicia, que impartirá o curso “Elaboración de tocados” mentres que pola súa banda, o artesán Albino Quinteiro, presidente da Asociación Galega de Artesáns Tradicionais, compartirá cos alumnos a súa experiencia no oficio téxtil co curso “Impresión con pasta e tinguidura con Thermofax”.
A organización destas actividades de impulso á formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo encádrase dentro do Plan de Artesanía de Galicia, que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.











