publicidade hoxe

Arévalo regresa á Alcaldía mosense supervisando os diferentes departamentos municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, incorporouse hoxe tras a súa baixa por maternidade, iniciando a xornada laboral cunha visita á primeira hora da mañá á nave do departamento municipal de Vías e Obras, para coñecer ós 30 novos traballadores contratados ao abeiro do II Plan de Conservación e Funcionamento de Bens e Servizos Municipais da Deputación de Pontevedra.

Tras pasar polas dependencias de Vías e Obras, a rexedora local adicou a xornada matinal a reunirse cos xefes de servizo e concelleiros/as das diferentes áreas e revisar así o funcionamento de todos os departamentos municipais.

Arévalo aproveitou ademais para anunciar que as súas dúas principais prioridades a abordar inmediatamente son pechar o orzamento para 2016 e a RPT (Relación de Postos de Traballo). 

O presuposto de cara ó vindeiro ano 2016, a alcaldesa deixárao xa prácticamente pechado antes de coller a baixa, e pretende finiquitalo ó longo dos vindeiros días para a súa próxima aprobación en Pleno. 

Por outra banda, tamén está a traballar para pechar a nova RPT –que leva sendo elaborada ó longo do presente ano 2015-, na que se actualizan tódolos instrumentos de ordenación do persoal traballador do Concello de Mos, xa que a administración local mosense conta actualmente cunha RPT (Relación de Postos de Traballo) que fora elaborada pola Universidade e que ten xa unha antigüidade de 10 anos, vida máxima deste tipo de documentos municipais. Ademais, o Convenio Colectivo do Persoal Laboral e o Acordo Regulador dos Funcionarios datan tamén de fai moitos anos e precisaban ser actualizados. 

Outros dos obxectivos inminentes de Nidia Arévalo son visitar tódalas consellerías da Xunta de Galicia durante os vindeiros 15 días, poñendo especial interese nas tres consellerías con recente nomeamento de conselleiro/a como son: a de Sanidade, con Jesús Vázquez Almuíña, a de Traballo e Benestar, con José Manuel Rey Varela, e a de Medio Rural e do Mar, con Ángeles Vázquez Mejuto; e poñer ó día a súa axenda de citas para atender persoalmente a tódos os veciños e veciñas que solicitaron audiencia con ela ó longo dos últimos dous meses. 

30 novos traballadores

Arévalo iniciou hoxe o seu regreso á fronte da Alcaldía mosense achegándose a coñecer ós 30 novos traballadores municipais que dependen da concellería de Vías e Obras que dirixe o edil Luis Alonso. A administración local puido contratar a esta trintena de traballadores gracias a unha subvención de 58.390,80 euros, concedida pola Deputación de Pontevedra ao abeiro do II Plan de Conservación e Funcionamento de Bens e Servizos Municipais 2015. As funcións para as que se contrataron ós traballadores consisten en servizos de interese xeral e social. 

Os 30 traballadores divídense en 6 categorías do seguinte xeito: 6 axudantes teitadores de asfalto, 11 peóns operarios de conservación de parques e xardíns, 7 axudantes operarios mantedores de edificios, 2 axudantes instaladores de tubos para a conducción de gavias en xeral, 3 peóns operarios limpadores-mantedores de piscinas e un auxiliar administrativo. O período de contratación é de dous meses a xornada completa.

Os requisitos que debían cumprir as persoas candidatas a estes postos eran ser desempregados non perceptores de ingresos, ou perceptores de prestacións sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos de subsistencia, tales coma o RISGA, RAI, PREPARA ou similares. A contratación dos traballadores realizouse directamente a través do Servizo Público de Emprego, SEPE, que foi quen se encargou de preseleccionar ós candidatos. 

Con esta acción súmase un paso máis á loita contra o desemprego en Mos, que é, se cabe, máis importante aínda ó tratarse de veciños e veciñas sen ningún tipo de ingreso. Arévalo  manifestouse optimista ante o índice do desemprego en Mos, que espera que “con accións coma esta de contratación de novos traballadores para o Concello e o repunte que parece que está a experimentar a economía a nivel nacional, as cifras do paro comecen a descender radicalmente”, dixo.

10 de novembro de 2015 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.