Aparecen restos da canalización de pedra na rúa de Vistalegre
As obras de humanización da rúa de Vistalegre deron a súa primeira sorpresa tralo descubrimento de boa parte da canalización de augas, presumiblemente pluviais, que discorría pegada ao muro da horta do convento. A empresa encargada das obras deu conta ao arqueólo que vixía o desenvolvemento do proxecto, por esixencia de Patrimonio, e puido constatar que se trata, en efecto, dunha canalización feita en pedra e con toda probabilidade de finais do século XIX.
Restos deste tipo, segundo explicou o experto, son moi habituais cando se realizan obras deste estilo en contornos urbanos como o de Vistalegre. Polo tanto, o que a empresa terá que facer nos vindeiros días e desenterrar todos os tramos de canalización para a súa documentalización. Unha vez limpos, serán envoltos en material xeotextil para soterralos de novo no seu lugar de orixe, conservándoos así para o futuro.











