Ames insta ás Federacións Galega e Española de Fútbol a que facilite a tramitación de licenzas deportivas de fútbol base a menores estranxeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O club de fútbol Sociedade Deportiva do Milladoiro dirixiuse ao alcalde de Ames para expoñer o caso dun rapaz brasileiro ao que se lle estaban poñendo dificultades para poder federarse, alegando que a nai carece de contrato de traballo. Diante desta situación a alcaldía enviou sendas cartas ás Federacións Española e Galega de Fútbol amosando o desacordo con este proceder e instando a que se tomen as medidas oportunas para que o rapaz se poida federar. O Concello pretende que non se repitan casos semellantes que vulneren os dereitos dos menores e que se evite poñer trabas a estes rapaces á hora de federarse para que poidan xogar ao fútbol sen ser discriminados.

O caso do menor brasileiro que está tendo problemas para ser federado, alegando que a súa nai, único proxenitor co que convive o rapaz posto que o pai reside en Brasil, carece dun contrato de traballo e no seu lugar presenta documentación acreditativa da prestación social da que actualmente é beneficiaria, foi o detonante para que o Alcalde de Ames se puxera en contacto coas Federacións Española e Galega de Fútbol e lles expuxera o criterio que o Concello de Ames ten en torno o xeito de federarse dos rapaces estranxeiros que viven no noso país. Cómpre salientar que a Sociedade Deportiva do Milladoiro informou tamén ao Concello de que a familia deste rapaz reside desde hai anos en Galicia e presenta un problema grave de risco de exclusión social.

Diante desta situación, o Concello de Ames, a través do propio alcalde, José Miñones, enviou sendas cartas á Federación Española e a Federación Galega de Fútbol para amosar o desacordo do Concello co proceder deste organismo diante da tramitación de licencias deportivas de fútbol base de menores estranxeiros. Nesa carta, o alcalde de Ames di textualmente que “ao noso modo de ver estanse vulnerando os dereitos do menor poñendo trabas a súa licencia e impedíndolle así xogar ao fútbol”.

Nas cartas enviadas ás Federacións de Fútbol dise literalmente “non entendemos como as normas pensadas para evitar o mercadeo de persoas poden ser aplicadas de modo tan irracional a uns clubs que non son sociedades anónimas senón entidades sen ánimo de lucro, promotoras do deporte de base, a saúde e a socialización dos máis novos”. O escrito suliña que “a aplicación indiscriminada deses requisitos constitúe un prexuízo sobre as familias inmigrantes posto que da por suposto que todas elas pretenden un fin económico na práctica deportiva dos seus fillos e fillas”.

As cartas da Alcaldía insiste en que, ademais, esta forma de proceder pode fomentar aínda máis a xa precaria situación duns menores que se enfrontan con innumerables barreiras para a súa inserción social no noso país. “Creemos que desde esa entidade se está potenciando -sen dúbida de xeito involuntario pero de todo certo- a marxinación e a exclusión social dos menores estranxeiros que son os que sofren as consecuencias, simplemente polo feito de ter nacido noutro país e de que as súas familias carezan de recursos”, indícase nas cartas.

O escrito continúa solicitando a solución deste caso e que se tomen as medidas oportunas para evitar que estas mesmas circunstancias se repitan no futuro. “Consideramos que é obriga de todos os que exercemos un papel público na sociedade velar pola equidade, a integración e os dereitos humanos de todas las persoas”, reflicte o escrito da Alcaldía. Para rematar, apélase á sensibilidade das Federacións con este tipo de cuestións “estamos seguros de que esta entidade que tanto vela pola limpeza da competición, pola superación das limitacións persoais, que potencia o traballo en equipo e a consecución das máis altas metas persoais e colectivas, esta institución que tanto ama o fútbol, non permitirá que uns mozos que senten o mesmo por ese deporte se vexan privados de poder practicalo”.

6 de novembro de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.