Ames celebra santa Cecilia este sábado cun concerto de corais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Esta fin de semana é Santa Cecilia, a patroa dos músicos, e para celebralo o Concello de Ames, xunto coa Asociación Cultural Antonio Santomil, e co patrocinio da Deputación da Coruña, organizan un concerto de corais. Esta actividade terá lugar o sábado 21 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nel poderemos desfrutar da Coral Polifónica de Piloño (Vila de Cruces), da Agrupación Artística Lucero del Alba de Neda e da Coral Polifónica Antonio Santomil de Bugallido.

No concerto participarán tres corais. Dará comezo ao recital a Coral Polifónica de Bugallido, dirixida por Xosé Ramón Santomil. Esta coral foi fundada no ano 1971 sendo o seu promotor e primeiro director o que daquela era o cura párroco, D. Antonio Santomil, estando activa ata o ano 1980. A partires dese ano, por mor do falecemento prematuro do seu fundador, queda inactiva ata decembro do 90, data na que renace nun grupo de antigos compoñentes a ilusión de continuar con esta actividade, creando a Asociación Cultural “Antonio Santomil”, na cal está encadrada a coral polifónica.

Ao longo de todo este período a coral participou en eventos musicais por toda Galicia, destacando entre outras actuacións a súa participación no acto de apertura da Porta Santa no Ano Xacobeo 1976, acto retransmitido por TVE para todo o territorio español. Fóra da nosa comunidade, cabe salientar  as súas actuacións nas Catedrais de Oviedo e León. Na actualidade conta con trinta e dúas voces.Esta coral interpretará os temas Catro vellos mariñeiros (Miguel Groba), La sirena (Rey Rivero), Kantata 147 (Johann Sebastian Bach), Ave María (Giulio Caccini) e Lévame (Manuel Feijoo).

Actuación da Coral Polifónica de Piloño

De seguido contaremos coa presenza no escenario da Coral Polifónica de Piloño, dirixida por Enrique Viz Otero. Esta coral fúndase no ano 1995 na parroquia de Piloño, no concello de Vila de Cruces, co nome de Orfeón Parroquial Nosa Señora de Hoy – Vas, composto por trinta e tres voces mixtas. No ano 2000 cambia a súa formación pasando a contar só con voces femininas. No ano 2003 volver a incorporar as voces masculinas, contando cun total de 32 compoñentes. No ano 2012 cambia o seu nome polo actual.

Entre as súas actuacións máis importantes podemos destacar o concerto na gala contra a bulimia e anorexia no Teatro Principal de Santiago de Compostela (2007), a súa participación no XXXI Certame Internacional Villa de Avilés (2014) ou a súa actuación en Alpiarça (Portugal), a onde foron invitados polo Orfeao da Sociedade Filarmónica Alpiarsense. Esta coral deleitaranos cos temas Ay linda amiga (Anónimo s. XVI), Paloma mensajera (J. Ruiz Gasch), Terra meiga (Rey Rivero), La Adelita (Arranxo de G. Martín) e El menú (Carl Dollner).

Agrupación Artística Lucero del Alba

Finalmente, para dar remate á velada musical, subirá ó escenario a Agrupación Artística Lucero del Alba, de Neda, dirixida por Ángel Carro. Lucero del Alba fundouse no ano 1965, polo que este ano a súa fundación cumpre 50 anos. Dende a súa orixe pasou por distintas etapas na súa configuración ata chegar aos 50 compoñentes, entre voces e instrumentistas, que forman na actualidade. Lucero del Alba actuou nos mas diversos lugares da xeografía galega, interpretando un amplo e variado repertorio, habaneras, vals, música galega, boleros, etc.

O seu repertorio está recollido en diversa gravacións, sendo a última delas no ano 2014 baixo o título Con todo Corazón. No ano 2010 foi premiada coa medalla de ouro do Concello de Neda. Esta agrupación ofreceranos os temas Perdón (Pedro Flores), Galicia Terra Nosa (Los Tamara), A mi manera (Paul Anka), India (Popular) e El nacimiento (Alonso).

19 de novembro de 2015 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.