Alfonso Rueda ve a Miguel Lorenzo idóneo como número un do PP da Coruña
O vicepresidente da Xunta e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, cualificou o concelleiro do PP no Concello coruñés Miguel Lorenzo como “a persoa idónea” para encabezar a lista do partido ao Congreso pola provincia da Coruña nas eleccións xerais.
Rueda avalou a esta elección e restou importancia ao feito de que Miguel Lorenzo figure como investigado por un suposto delito de tráfico de influencias no marco da Operación Pokémon que instrúe a xuíza Pilar de Lara.
“Non sei se está sendo investigado ou non”, respondeu a preguntas dos xornalistas o secretario xeral do PPdeG. Non obstante, remarcou que iso “non equivalería a ningún tipo de responsabilidade” e apelou “á presunción de inocencia”.
Con todo, puxo en dúbida que neste caso haxa que apelar a esta “porque non estamos a falar dunha persoa imputada”. Por iso, considerou a Miguel Lorenzo “unha persoa idónea por moitas razóns” para encabezar a lista dos populares ao Congreso pola provincia da Coruña.











