Alexandra Fernández será proposta por Anova de 1 por Pontevedra
A viguesa Alexandra Fernández foi a vencedora das primarias internas de Anova na circunscrición de Pontevedra, de maneira que será proposta para ocupar o posto número un da lista pontevedresa que esta organización negociará cos demais integrantes da candidatura.
Concretamente, o espazo creado para a configuración da candidatura ‘En Marea’ celebrará esta fin de semana unhas primarias para validar as listas que, como moi tarde, teñen que inscribirse o luns, día 16.
Os asinantes da coalición, En Marea, rexistrada o pasado venres ante a Xunta Electoral Central, teñen acordado que o posto número un da Coruña sexa para Podemos e o dous para Esquerda Unida. Por parte, o cartel de Pontevedra correspóndelle a Anova e, o número dous, a Podemos.
Non obstante, a idea é que se alcance un consenso de todo o espazo de confluencia, no que, ademais das formacións políticas, están as mareas que gobernan nas cidades e Encontro Cidadá por unha Marea Galega. Con todo, a coruñesa acordou que non achegará nomes ás listas, aínda que si dá o seu apoio ao proceso.
DATOS DAS PRIMARIAS
Así, tras a consulta interna realizada por Anova, os nomes que saíron elixidos para ser propostos en primeiro lugar nas negociacións internas son Gladys Afonso (A Coruña), Xosé Manuel Saa (Lugo, e que se presentou unicamente el), Carlos Lorenzo (Ourense), e Alexandra Fernández.
Fernández conseguiu o 67,4 por cento dos votos emitidos, seguida de David Carballal (23,81%) e de José Gómez (8,79%). Na Coruña, Gladys Afonso logrou un 54,41 por cento dos votos; seguida de Xosé Constenla (38,24%) e de Jorge Caeiro (7,35%).
No caso de Ourense, a primeira proposta de Anova será a de Carlos Lorenzo, que obtivo un 60,53 por cento do voto fronte ao 39,47 por cento de Bernardo García, que será a segunda opción nesta circunscrición.











