Alcaldes e concelleiros da provincia da Coruña fórmanse sobre as oportunidades de financiamento de proxectos rexionais que ofrece a UE
O deputado responsable da área de Promoción Económica e Emprego da Deputación da Coruña, José Luis García, inaugurou esta mañá as xornadas “Europa na provincia da Coruña”, organizadas polo servizo Europe Direct da institución provincial coruñesa. Durante o día de hoxe e o de mañá, alcaldes, concelleiros e técnicos dos municipios coruñeses recibirán información e asesoramento especializado sobre as oportunidades que ofrecen aos concellos os instrumentos financieiros da Unión Europea para o período 2014-2020 e sobre como elaborar proxectos susceptibles de optar a axudas rexionais europeas.
José Luis García lembrou que entre os obxectivos da política rexional europea está o fomento do emprego, a competitividade empresarial, o crecemento económico e o desenvolvemento sostible e apuntou que, “co obxectivo de responder ás diversas necesidades en materia de desenvolvemento das rexións da Unión Europea, reservouse un orzamento de 351.800 millóns de euros, case un terzo do total do presuposto europeo, para financiar políticas de cohesión ata o ano 2020”.
“Debemos saber como aproveitar esta oportunidade dende os concellos”, afirmou o responsable de Promoción Económica da Deputación da Coruña, que detallou que, entre as cuestións que serán tratadas nos seminarios, estarán onnde, como e quen pode solicitar financiamento rexional europeo, que proxectos son subvencionables dentro deste programa e como financiar proxectos máis pequenos, pero que teñan unha repercusión importante no territorio.
García subliñou tamén a importancia da colaboración intermunicipal para a posta en marcha de proxectos conxuntos nun país como España que conta con 8.111 concellos, fronte aos 317 de Finlandia ou os 2.479 de Polonia. “Reforcémonos formando parte de redes de colaboración e redes europeas que permitan que os nosos concellos alcancen un nivel internacional que, por si mesmos, na maioría dos casos, non lograrían”, afirmou.
Entre as relatoras da xornada de hoxe están Katerina Fortun, membro da representación da Comisión Europea en España; Ángeles Gayoso, vocal da subdirección xeral de Programación e Avalación de Programas Comunitarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, e María de la Cruz Enjo, da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.











