Alberto Lema trasladarase a próxima semana a China co fin de establecer relacións comerciais entre o Porto da Coruña e o de Yantian

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGalicia exterior
A-
A+

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, ten previsto desprazarse ata Shenzhen, no sureste de China, entre os días 24 e 30 deste mes co obxectivo de “estudar distintas vías de colaboración entre o Concello da Coruña e esta cidade”, que sobrepasa os 10 millóns de habitantes. O edil procurará a posta en marcha dun marco estable de relacións empresariais e de carácter comercial entre o porto coruñés e o de Yantian (en Shenzhen), segundo de China en tráfico de contedores e terceiro do mundo.

“O Porto da Coruña, e nomeadamente Langosteira, podería ser moi atractivo para a industria do porto de Yantian de cara a establecer conexións co Norte de Europa, África e América”, indicou Lema, que recordou a necesidade de investimentos que precisa o Porto Exterior, “en cuxa procura o Concello está fondamente comprometido, aínda a pesar de que non está entre as súas obrigas directas, ao ser competencia doutra institución, buscar posibilidades de desenvolvemento”.

Por outro lado, Lema indicou que espera que “todos os actores sociais e institucións involucradas na busca de financiamento para o Porto Exterior estean á altura do Concello da Coruña”.

18 de novembro de 2015 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.