A Xunta traslada ao Concello da Coruña os avances na estación intermodal

Helena de Lucas na reunión cos concelleiros da Coruña
A Xunta trasladou hoxe ao Concello da Coruña os avances na estación intermodal e solicitoulle a realización das actuacións de competencia municipal necesarias para levar adiante o proxecto. A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, reuniuse hoxe cos concelleiros de Mobilidade Sostible da Coruña, Daniel Díaz, e de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela.
Helena de Lucas manifestoulle ao concelleiro que os estudos previos da estación intermodal xa se atopan a piques de finalizar, polo que é preciso coordinar as accións a executar por ambas administracións.
A directora xeral de Mobilidade lembrou que aínda que o protocolo asinado en 2009 establece que ao concello lle corresponde a execución da estación de autobuses, a Xunta está a demostrar a súa determinación de realizala.
No que se refire ás accións no ámbito municipal, a Xunta lembrou o compromiso do Concello de encargarse da urbanización da estación intermodal, na avenida Sardiñeira, Viaduto e Praza da Estación e Ronda de Outeiro, así como para o aparcadoiro baixo a estación de autobuses.
De Lucas explicou que do estudo previo elaborado polo seu departamento derívase a necesidade de executar unha glorieta de acceso á estación de autobuses na Avenida da Sardiñeira, un novo vial de conexión entre esta e a Avenida de Arteixo e unha nova rotonda nesta última.
A directora xeral destacou que estas actuacións, de responsabilidade municipal, son imprescindibles para garantir un acceso axeitado á nova terminal de autobuses. Ademais, lembrou que a anterior corporación municipal prevía facerse cargo da execución dun aparcadoiro baixo a estación de autobuses. Neste sentido, o novo Goberno municipal acordou analizar esta actuación e informar á Dirección Xeral de Mobilidade nos vindeiros días para que esta poida licitar o proxecto proximamente.
Nesta xuntanza tamén se manifestou que o próximo paso a dar será a formalización dun protocolo ou convenio entre Xunta, ADIF e Concello da Coruña, que recolla, entre outros puntos, a necesaria adecuación do planeamento urbanístico ao proxecto.











