A Xunta traballa no reforzo da seguridade e saúde laboral nas pemes e microempresas galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A Xunta está a traballar no reforzo das actuacións de seguridade e saúde en pequenas e medianas empresas (Pemes) e microempresas fomentando a constitución de servizos de prevención propios e mancomunados, e reforzando actuacións de formación en prevención de riscos laborais destinadas aos traballadores e traballadoras.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca Carús, destacou hoxe, na apertura en Vigo das XXII Xornadas da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais (SGPRL) e das terceiras da Sociedade Galega de Medicina no Traballo (Sogametra), a importancia que ten seguir apostando por reforzar as actuacións dirixidas a mellorar a seguridade e saúde laboral dos galegos e galegas.

Así, neste senso, Toca indicou que a Xunta está a poñer o acento no estudo dos riscos emerxentes e as súas causas, ao tempo que intensificará a través de campañas de sensibilización as actuacións con colectivos específicos, como mozos e mozas, traballadores e traballadoras de idade avanzada, embarazadas, persoas con discapacidade ou aquelas especialmente sensibles a determinados riscos.

Ademais, sinalou que entre as principais preocupacións están a redución dos trastornos musculoesqueléticos, que son os que máis afectan á calidade de vida dos traballadores e traballadoras, e destacou a importancia de seguir reforzando a coordinación entre administracións, prevendo mecanismos de intercambio de información entre o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e os departamentos con competencias en materia sanitaria, industrial e mineira, e educativa. “O fin é obter unha maior eficacia e eficiencia nas actuacións que se realizan”, apuntou a secretaria xeral. En xeral, o que se pretende é fomentar unha cultura da saúde e da prevención, aproveitando as novas tecnoloxías.

Todas estas medidas estanse a unificar na Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2016-2020, que está a ultimar o Goberno galego. “O seu resultado final será o froito do consenso e a concertación”, subliñou Toca.

Por outra banda, a secretaria xeral de Emprego destacou na súa intervención nas xornadas que o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, vén de recibir a Cruz de Honra da Seguridade e Saúde no Traballo que lle concedeu o Consello Xeral de Profesionais de Seguridade e Saúde no Traballo. Trátase, segundo explicou Toca, dun premio que supón “un recoñecemento ao intenso labor técnico realizado polo Instituto durante os últimos anos”.

Por último, a responsable da área autonómica sinalou a importancia da formación en prevención de riscos laborais en todas as etapas do sistema educativo e, neste senso, resaltou que o ISSGA vén de asinar un convenio de cooperación educativa coas tres universidades galegas para que os alumnos e alumnas do máster universitario en prevención de riscos laborais poidan realizar prácticas académicas externas nos centros territoriais do Instituto.

As xornadas

As XXII Xornadas da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais e as III Xornadas da Sociedade Galega de Medicina do Traballo celébranse ata mañá na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo. A actividade está dirixida a técnicos de prevención de riscos laborais, persoal da Administración, delegadas de prevención, médicos, enfermeiros, responsables de Recursos Humanos, directivos de empresas, sindicatos e demais persoas relacionadas co ámbito da seguridade e saúde no traballo. O ISSGA colabora un ano máis con este evento organizando a conferencia inaugural ‘O risco químico e a súa avaliación. Problemática e experiencias prácticas” e participando na mesa redonda ‘Promoción da saúde no traballo: rede de empresas saudables”. No acto de clausura intervirá o subdirector xeral técnico e de planificación do Instituto, Fernando González Abeijón.

19 de novembro de 2015 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.