A Xunta solicita a colaboración dos concellos de Santiago, Vigo e A Coruña na posta en marcha do billete combinado aos aeroportos
A Xunta solicítalle aos concellos de Santiago, Vigo e A Coruña a súa colaboración para a posta en marcha do billete combinado aos aeroportos. A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, participou hoxe na primeira xuntanza do grupo de traballo para a mellora da mobilidade, no marco do Comité de Coordinación Aeroportuaria de Galicia.
Nesta reunión levouse a cabo unha presentación da situación actual en materia de mobilidade e conexións terrestres dos tres aeroportos galegos, na que destaca a porcentaxe de emprego do autobús como modo de acceso ao aeroporto en Santiago (22%), fronte á súa utilización nos da Coruña (6%) e Vigo (3%).
Na xuntanza púxose en valor que as actuacións pasan en xeral por mellorar e potenciar as conexións dos actuais servizos de autobús directo aos aeroportos dende os principais centros de transporte: estacións de autobuses e de tren.
Helena de Lucas explicou que no caso de Vigo é necesario mellorar a conectividade do servizo de autobús urbano de competencia municipal ao aeroporto coas estacións. Na actualidade, o bus non ten parada nin na estación de tren, debido a que as condicións dos accesos o impiden, nin na estación de autobuses. Ao respecto, a Xunta de Galicia solicítalle ao Concello de Vigo as previsións que manexa para a mellora dos ditos accesos, tal e como estaba planificado no seu PXOM. O municipio comprométese a estudar a mellora do servizo actual en base aos datos de demanda facilitados por AENA.
En Santiago, a Xunta analizará a posibilidade de modificar os horarios actuais do servizo a primeira e a última hora do día, incluso reaxustándoos segundo as tempadas de programación do aeroporto. Darase prioridade aos voos de última hora fronte aos de primeira por encaixar os usuarios destes últimos nun perfil máis de negocios.
A directora xeral indicou que a Xunta de Galicia está disposta a conveniar co concello a posibilidade deses servizos a maiores, nunha liña que discorre integramente polo termo municipal de Santiago. Engadiu que outra solución pode pasar polo establecemento de bonificacións nas tarifas dos taxis que cubran estes horarios sen servizo de autobús. Tamén se estudará co concello pola afección ao tráfico, a posibilidade de mellorar o percorrido de volta.
Por último, no caso da Coruña conclúese a necesidade de incrementar o coñecemento do servizo por parte da poboación mediante actuacións de mellora da sinalización na cidade, nas estacións e nos propios autobuses. No relativo ás paradas nos centros de transporte, a Xunta indica, que en colaboración co concello, se está a estudar xa a posibilidade de establecer unha parada nas inmediacións das estacións de tren e de autobuses reordenando outra liña interurbana. Tamén se avaliará a opción de ampliar horarios, en especial para dar servizo aos pasaxeiros dos voos de última hora.











