A Xunta reubicará no novo edificio de Pontevedra todas as unidades xudiciais actualmente dispersas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, compareceu hoxe en sede parlamentaria onde indicou que se reubicará nun só edificio todas as unidades xudiciais dispersas da cidade de Pontevedra.

Martín relatou que co novo edificio xudicial se vai remediar a situación de dispersión actual, dado que os órganos xudiciais unipersoais de Pontevedra repártense en tres sedes diferentes: na Audiencia Provincial, na Parda e na rúa Xermán Adrio.

No novo edificio reubicaranse 14 xulgados: os catro Xulgados do Social, os dous Xulgados do Mercantil, os tres Xulgados do Contencioso-Administrativo e os cinco Xulgados de Instancia, estes últimos pasarán do edificio actual ao novo, coa idea de xuntar todos os órganos que non sexan da xurisdición penal. Ademais, a nova obra restará capacidade para 14 Xulgados máis, o que cubriría as posibles necesidades de espazos para os vindeiros 15 ou 20 anos.

Coa futura reubicación dos xulgados no novo edificio, na sede actual da Parda quedarán só os órganos da xurisdición penal: xulgados de instrucións, penais, vixilancia penitenciaria e menores, así como a Fiscalía Provincial.

O Plan de Infraestruturas Xudiciais aprobado pola Xunta en 2009 comprende actuacións de rehabilitación, ampliación ou nova construción e obras de mantemento e mellora nos actuais edificios de xulgados. No marco desta planificación, nestes momentos están executados ou en execución proxectos por un importe global de máis de 70 millóns de euros.

Entre as actuacións máis destacadas figuran os proxectos emprendidos nas grandes cidades, grazas á colaboración institucional dos respectivos concellos con independencia da súa cor política e a cesión dos terreos necesarios para as novas edificacións. Así, xa están plenamente operativos os novo edificios xudiciais de Santiago, Ourense e o SCACE de Vigo; e o próximo ano finalizará a rehabilitación da antiga Fábrica de Tabacos na Coruña.

Así mesmo, tamén en Pontevedra e Vigo estaba prevista no Plan de Infraestruturas Xudiciais de 2009 a construción de sendas novas sedes xudiciais, que se atopan en diferentes estadios. Ámbalas dúas serán proximamente unha realidade, sempre que no caso de Vigo se poñan a disposición da Xunta os terreos libres de cargas e gravames.

Novo edificio xudicial da Parda

O novo edificio albergará 28 unidades xudiciais, e nel se reagruparán todos os actuais órganos xudiciais dispersos na actualidade na cidade de Pontevedra. O novo edificio estará comunicado a través dunha pasarela co actual edifico xudicial da Parda, formando un único complexo.

O novo edificio deséñase como un edificio arquitectonicamente lixeiro e con espazos diáfanos co obxectivo de optimizar o seu funcionamento e facelo máis cómodo tanto para os usuarios como para os profesionais.

A superficie total construída será de 21.000 metros cadrados, coa seguinte distribución: na plantas do soto estarán aparcadoiros e arquivos; na planta baixa, salas de vistas, información, notificacións e rexistro; na planta primeira ubicarase salas de vistas e espazos comúns ;e na planta segunda, terceira, cuarta e quinta irán as oficinas xudiciais, dispoñendo o edificio en total de 17 salas de vistas. O investimento total supera os 20 millóns de euros.

Coa licitación da obra de Pontevedra o investimento do Plan de Infraestruturas supera os 70 millóns de euros e representa 51.000 novos metros cadrados para uso xudicial.

20 de novembro de 2015 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.