publicidade hoxe

A Xunta retira unha das pasarelas da estrada AC-173 en Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), está a retirar hoxe unha das pasarelas peonís elevadas coas que conta a estrada Perillo- Mera (AC-173), nas proximidades da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, no Concello de Oleiros.

A seguridade dos viandantes queda totalmente establecida, xa que existe unha alternativa para o cruce por outra pasarela moi próxima, situada a apenas 120 metros fronte á entrada da mesma Facultade.

A infraestrutura que se elimina, situada no punto quilométrico 2+200 da AC-173, servía para cruzar a estrada fronte ao edificio universitario e as instalacións deportivas. A pasarela foi instalada nos anos 90 polo Instituto de Educación Física (INEF), con autorización da Consellería; o compromiso acadado para a súa colocación foi que o Instituto se encargaría da súa conservación e mantemento, polo que, actualmente, estas tarefas lle competen á Universidade da Coruña.

Sen embargo, na actualidade, a estrutura atópase deteriorada polo paso do tempo, polo que a AXI, na pasada primavera, decidiu pechala ao tráfico, co fin de garantir a seguridade viaria dos usuarios e da circulación, poñendo en coñecemento desta situación tanto ao Concello de Oleiros coma á Universidade da Coruña. Finalmente, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda tomou a decisión de retirar esta estrutura para evitar posibles perigos para os usuarios.

Traballos a levar a cabo

Os traballos, que se realizan mediante o contrato de conservación integral, iniciáronse no día de hoxe coa retirada do lintel e terán unha duración total estimada de dez días, ata completar a demolición dos macizos de formigón dos marxes nos que se apoia a estrutura. Tras finalizar a actuación analizaranse medidas a tomar en relación co custe das tarefas realizadas.

3 de novembro de 2015 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.