A Xunta presenta o proxecto da primeira fase das obras na Ponte Vella ao Concello de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+
Europa Press
Ethel Vázquez no Concello de Ourense

Ethel Vázquez no Concello de Ourense

A Xunta preséntalle ao Concello de Ourense o proxecto da primeira fase das obras na Ponte Vella. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

A conselleira explicou que desde o Goberno galego estase a traballar na execución dunha serie de actuacións que contribúen ao bo mantemento do que é un dos principais emblemas e reclamos turísticos da cidade.

Cómpre lembrar que na pasada primavera realizáronse os labores de limpeza máis urxentes, e continúase agora coas medidas programadas para a posta en valor deste ben patrimonial.

Este proxecto, dentro da primeira fase, competencia da Consellería de Infraestruturas, contempla a reparación da calzada e a renovación da iluminación da ponte.

Polo que respecta á calzada, igualarase o pavimento, empregando como único material o adoquín. Como medidas complementarias eliminaranse os graffitis pintados na ponte e nas edificacións anexas e retiraranse os elementos engadidos á fábrica da ponte.

A responsable de Infraestruturas destacou que a actuación máis ambiciosa será a substitución da iluminación, xa que a actual quedou obsoleta e mingua o valor estético do monumento. Precisou que se substituirán as actuais luminarias e os grandes focos que proxectan a luz cara aos alzados da ponte; e optarase por sistemas de leds, que mellorarán a estética, realzando a monumentalidade da estrutura, ademais de acadar unha maior eficiencia enerxética, un aforro no consumo e unha menor contaminación lumínica.

20 de novembro de 2015 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.