A Xunta fará compatible a consideración de familia numerosa con outros descontos nos prezos públicos das residencias de tempo libre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A Xunta de Galicia modificará o decreto que regula os prezos de residencias de tempo libre para que o desconto de familias numerosas sexa compatible con outros que tamén se recollen no mesmo. Deste xeito as familias que teñan esta consideración, ademais do desconto do 30% que xa teñen sobre o prezo final resultante da estancia, tamén se poderán beneficiar doutros descontos que a día de hoxe son incompatibles, como por exemplo: a exención de pago por nenos/as menores de 2 anos que non utilicen os servizos de comedor ou durman nas habitacións dos seus responsables; o 50% de desconto do importe da estancia para nenos/as entre 2 e 12 anos; o 10% de rebaixa por persoa con discapacidade ou o 10% de desconto que tamén se aplica ás persoas maiores de 60 anos, entre outros.

Este é un dos compromisos da Consellería de Política Social para seguir apoiando ás familias numerosas. Precisamente, o responsable desta carteira autonómica, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe unha reunión co equipo directivo da Asociación Galega de Familias Numerosas (AGAFAN) na súa sede da Coruña, e na que tamén participou a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez. Neste encontro, deu conta da recente resolución das peticións de axudas económicas do programa “Montaña en Familia” para estadías de fin de semana na estación de Manzaneda, das que se beneficiaron 65 familias o que supón un total de 163 adultos e 152 menores. O importe global desta axuda ascende a 20.000 euros e consiste en 35 euros por persoa e estadía de fin de semana para nenos e nenas maiores de 12 anos e adultos; en en 37,5 euros para os menores de 12 anos.

Así mesmo, a xuntanza serviu para que Rey Varela informara á entidade sobre as novas medidas de impulso e revitalización demográfica que o Goberno galego ten presupostadas e porá en marcha o vindeiro ano, dentro dun programa integral de apoio á familia, á infancia e á conciliación. Ao respecto, estudáronse posibles vías de colaboración entre a Consellería e AGAFAN en próximas campañas de difusión. En relación ás liñas de actuación de Política Social neste ámbito, destacou que os pais e nais que teñan un fillo ou filla a partir do 1 de xaneiro de 2016 recibirán unha axuda directa de 100 euros mensuais. A orde que rexerá a concesión desta axuda terá en conta a renda per cápita, co obxectivo de favorecer a un maior número de familias, e dará prioridade ás monoparentais e monomarentais. Outra medida á que se referiu o conselleiro foi a ampliación do bono conciliación, que permitirá incorporar 1.400 novas prazas de escolas infantís sustentadas con fondos públicos.

Plan galego de apoio ás familias numerosas

Estas novas liñas de actuación no ámbito da familia e da infancia complementan as medidas e instrumentos cos que conta a administración autonómica para atender dun xeito personalizado e integral ás familias, e que xa están planificadas e en desenvolvemento. Este é o caso do Plan de Dinamización da Demografía de Galicia ou da primeira Estratexia de Apoio para as Familias Numerosas de Galicia, aprobada en 2013 e co seu horizonte posto en 2020, que contempla ao redor de 50 medidas con diversos beneficios dirixidas ás máis de 19.000 familias que ostentan esa condición na Comunidade Autónoma.

16 de novembro de 2015 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.