A Xunta de Goberno Local de Ames aproba o expediente de contratación de catro proxectos incluídos no PAI 2015
Esta mañá a Xunta de Goberno local deulle luz verde ao inicio do expediente de contratación de catro proxectos que están incluídos no Plan de aforro e investimento (PAI) 2015 da Deputación Provincial da Coruña. Estes proxectos son a reparación de interiores en Castelo (Ames); a reparación de interiores en O Reino (Trasmonte) e outros; a mellora na EDAR do polígono do Milladoiro; e a reparación de interiores en Pegariños (Ames) e outro. Neste último proxecto, tamén se recolle unha actuación para reparar o firme das rúas Pesqueiras, Entrerríos e Ameneiral, que están situadas na localidade de Bertamiráns.
Cómpre lembrar que a corporación municipal aprobou a adhesión ao Plan de aforro e investimento (PAI) 2015 da Deputación Provincial da Coruña nun pleno extraordinario celebrado no pasado mes de febreiro. A través deste plan provincial, o Concello de Ames dispón de 390.665 euros. Desta cantidade, o 24,25% -preto de 95.000 euros- está destinado a reducir o endebedamento, que se corresponde coa contía mínima esixida nas bases. Co 75,75% restante, é dicir, 295.928 euros, executaranse varios proxectos municipais.
O concelleiro de Obras Públicas, Blas García, apunta que “se trata de obras que serven para acondicionar varios núcleos rurais que estaban en mal estado como son a zona de O Reino, na parroquia de Trasmonte, ou os lugares de Castelo e Pegariños na parroquia de Ames”. O edil amesán tamén destaca que “nos próximos plans provinciais intentaremos incluír obras noutros lugares, para realizar traballos de mellora en todas as parroquias do concello”.
Descrición dos proxectos
O proxecto de reparación do camiño interior en Castelo (Ames) conta cun orzamento de 43.737,41 euros. As obras realizaranse en cinco treitos. Primeiro haberá que reparar as fochancas e perfilar as mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Nos tres primeiros tramos preténdese repoñer o firme da calzada con quince centímetros de formigón e nos dous últimos repararase o firme cun tratamento asfáltico superficial e cun rego de selado en toda a plataforma.
As obras en O Reino (Trasmonte) e outros teñen un presuposto de 72.487,22 euros. Este proxecto inclúe tres actuacións: a reparación interior da aldea, a mellora do camiño no lugar de Salgueiro e na vía que une Trasmonte e Suevos.
Por outra banda, o proxecto de reparación de interiores en Pegariños (Ames) e outro, que conta cun orzamento de 81.315,99 euros, recolle os traballos para acondicionar o lugar de Pegariños, pertencente á parroquia de Ames. Para a mellora deste camiño interior empregarase formigón en oito treitos e asfalto nun tramo de 420 metros de lonxitude e 4 metros de ancho. Ademais, neste proxecto contémplase outra actuación para reparar o firme das rúas Pesqueiras, Entrerríos e Ameneiral, que están situadas na localidade de Bertamiráns.
Un cuarto proxecto, dotado de 98.387,83 euros, recolle obras de mellora na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do polígono do Milladoiro.











