A Xunta de Goberno Local de Ames aproba a declaración do estado de emerxencia do Ciclo Integral da Auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A Xunta de Goberno Local aprobou a declaración do estado de emerxencia do Ciclo Integral da Auga, xa que o pasado 31 de outubro rematou o contrato coa UTE Acciona Agua Espina Servicios para prestar este servizo. Deste xeito, a devandita UTE continuará prestando este servizo, nas mesmas condicións que fixo nos últimos nove meses, ata que se licite e se adxudique o novo contrato do Ciclo Integral da Auga. 

O pasado 31 de outubro rematou o contrato coa UTE Acciona Agua Espina Servicios, que tivo a concesión do Ciclo Integral da Auga durante os últimos nove meses. Debido a iso, a Xunta de Goberno Local decretou o estado de emerxencia para que se siga prestando o devandito servizo, nas mesmas condición que se fixo ata este momento, ata que se resolva o novo proceso de licitación e sexa efectiva a adxudicación a unha nova empresa. 

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “na actualidade estase traballando na elaboración dos pregos para a licitación do novo contrato, a través da consultora Idom, e agardamos ter licitado o novo servizo a principio de 2016”. 

Variacións no novo contrato da auga

Por outra banda, dende o goberno municipal apuntan a que unha das variacións que vai a ter o novo contrato do Ciclo Integral da Auga vai a ser a modificación das tarifas do abastecemento de auga para que os abonados e abonadas paguen pola auga que consumen. O goberno municipal e os servizos técnicos están estudando fixar unha cota variable con varios tramos para pagar en función do consumo. Neste momento existen tres tramos: un mínimo: 15 m3/abonado mes, un segundo tramo de 15 m3 a 35 m3/abonado mes e un terceiro de máis de 35 m3/abonado mes. 

Blas García apunta que “na actualidade hai fixada unha cota mínima mensual de 15 m3, tarifa que nos parece excesiva e inxusta para os usuarios/as, xa que non fomenta o aforro da auga, dado que paga o mesmo unha vivenda que consume 3 m3/mes que unha que consume 15 m3/mes. Coa modificación das tarifas, pretende potenciar e primar a aqueles usuarios e usuarias que aposten polo aforro da auga”.

A maiores, o goberno está a estudar a posibilidade de fixar outros grupo específico de bonificacións, tal e como pode ser unha tarifa social para as persoas sen recursos e/ou en situación de emerxencia social, garantindo, ademais, que ningunha persoa quede sen auga por impago si se acredita a falta de recursos e tamén unha tarifa especial para familias numerosas, ampliando o segundo tramo (de consumo habitual) para as vivendas que acrediten ter certo número de persoas empadroado nas mesmas. De igual xeito, o goberno tamén traballa nas cotas do consumo comercial e do consumo industrial para buscar unhas tarifas máis acordes ao gasto de auga.

6 de novembro de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.