publicidade hoxe

A Xefatura Territorial de Sanidade promove a saúde bucodental cunha actividade didáctica nos colexios de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseVilar de Barrio
A-
A+

O CEIP da localidade ourensá de Vilar de Barrio acolleu esta mañá o inicio do programa Coidando a miña boca. Unha boca sa para sempre que forma parte das actividades de promoción da saúde que promove en Ourense a Consellería que dirixe Jesús Vázquez Almuíña e que se oferta aos centros escolares para fomentar os hábitos de hixiene bucodental entre os escolares.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada pola xefa territorial da Consellería de Sanidade, María Villar, acudiu a esta actividade e animou aos 20 escolares que participaron nela a levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á saúde bucodental, como o cepillado dental correcto, o consumo dunha dieta que evite a carie e a asistencia ás revisións dentais periódicas.

A actividade dirixida ao alumnado de 6º de educación primaria consiste nunha charla teórica que exporá as funcións da boca, enfermidades máis frecuentes e as medidas preventivas, entre outras noción, incidindo nas dietas baixas en azucre para atallar a carie dental. Logo, os rapaces participarán nun xogo chamado “Saber e gañar en saúde bucodental” con preguntas relacionadas coa charla, sobre un taboleiro que semella unha arcada dental.

Cepillado diario, doces e revisións

Os últimos datos sobre saúde oral en España sinalan que soamente o 33,1% dos nenos de entre 5 e14 anos cepillan os dentes tres veces ao día, o 45,9% manifestan que consumen doces a cotío e máis dun 35% non tiñan acudido ao dentista no último ano.

En Galicia, a saúde bucodental dos escolares evoluciona favorablemente. A prevalencia de carie continúa descendendo no grupo de 12 anos e o valor actual, do 40%, está situado por debaixo do atopado no conxunto de España, que apunta o 47%. Malia todo, a hixiene oral nas idades temperás aínda ten moito que mellorar.

Ante estes datos e sendo conscientes que a adquisición de hábitos é máis doada na idade infantil e que a escola segue a ser un ámbito privilexiado para o fomento de hábitos de vida saudable, a Xunta decidiu organizar estre programa formativo que sensibilice aos escolares na importancia dunha correcta hixiene bucal.

En total, ata o vindeiro mes de maio máis de 700 nenos de 35 colexios ourensáns participarán neste programa de saúde bucodental celebrado unicamente na provincia de Ourense promovido pola Xefatura territorial de Sanidade.

Ao longo do presente curso escolar a Xefatura Territorial de Sanidade desenvolverá accións didácticas orientadas á promoción da saúde nos centros escolares da provincia no marco de distintos programas. Ademais de “Coidando a miña boca. Unha boca sa para sempre”, se desenvolverán “Clases sen fume”, “Condutas Aditivas” e “Nunca sen almorzo e sempre recreos saudables” que tentarán mentalizar ao redor de 7.000 mozos sobre a importancia de coidar a alimentación, practicar exercicio e evitar hábitos nocivos para a saúde.

18 de novembro de 2015 | 13:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.