A X Mostra de Teatro Afeccionado de Ames chega cun completo programa para o mes de novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Un ano máis, e xa van dez, o Concello de Ames organiza unha mostra de teatro afeccionado. Este festival xa se está convertendo nunha referencia para todos os grupos de teatro afeccionado da comarca e de parte de Galicia e pouco a pouco vai espertando o interese de todas as persoas que gozan vendo este tipo de espectáculos. Esta mostra permite que todos os grupos que actúan sen ánimo de lucro poidan dispoñer dun escenario para representar as obras que preparan con tanto interese e esforzo. Ademais, esta mostra sérvelles de promoción e axuda para darse a coñecer. Os auditorios das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro acollerán tres obras de teatro durante todo o mes de novembro. Todas as representacións son ás 21:00 horas. A entrada é libre e gratuíta ate completar aforo.

No marco da  X Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, The Puntillas Teatro, grupo nado ao abeiro da Escola Municipal de Teatro de Santa Comba, representará este venres, 6 de novembro, ás 21:00 horas, na Casa de Cultura do Milladoiro O ollo que todo o ve, unha reflexión crítica sobre os “realitys” televisivos.  A entrada é de balde ate completar aforo. Escrita e dirixida por Xan Martínez, O Ollo que todo o ve critica os “realitys” televisivos preguntándose onde están os límites éticos e legais deste tipo de programas. A obra ten unha duración de 55 minutos e está interpretada por oito actores e actrices que se formaron na Escola de Teatro de Santa Comba. Aínda que a obra é apta para todos os públicos, recoméndase especialmente para público adulto e xuvenil. 

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca que “a través deste pequeno festival a concellaría de Cultura pretende promocionar, dar a coñecer e darlles aos grupos de teatro afeccionado un escenario onde poidan expresarse e representar as súas pezas teatrais. Ao mesmo tempo achéganselle á veciñanza amesá espectáculos que están fóra dos circuítos comerciais pero que teñen un grande interese”. 

No tocante ao grupo municipal de teatro de Ames, Santomil indica que “este goberno ten un claro compromiso coas artes escénicas e co grupo municipal de teatro. Por primeira vez, este ano comezaron a desenvolverse actividades de teatro infantil e xogo dramático para nenos e nenas de 3 a 9 anos, que está a ter un grande éxito. Hai canteira”. 

Escola Municipal de Teatro de Negreira

A mostra de teatro continuará o venres, 13 de novembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa actuación da Escola Municipal de Teatro de Negreira que interpretará O mundo está tolo e ti ségueste duchando, unha visión surrealista da humanidade de ton absurdo e esperpéntico. A directora desta comedia, Sandra Lesta, cualifica esta peza como “unha visión da humanidade con tintes surrealistas ou absurdas, estrañas, esperpénticas, singulares” e salienta que “dende unha azotea dun edificio ata o Museo do Prado, amósase a esencia do ser humano e as súas condutas máis salientables e menos admirables”.

Non é a primeira vez que a Escola Municipal de Teatro de Negreira actúa en Ames. No ano 2011, e no marco tamén da Mostra de Teatro Afeccionado de Ames, puxo en escena a peza Vida e obra de Xan dos Bolos. Un ano máis tarde interpretou Vaia función, e no ano 2013 presentouse na Mostra co espectáculo Nun tren. A Escola de Negreira comezou a funcionar no ano 2009. O número de alumnos/as non deixou de medrar ano tras ano, contando na actualidade con máis de cincuenta distribuídos por grupos de idade. Participan da actividade dende nenos de 4 anos a maiores de 35, que cada curso ensinados e dirixidos por Sandra Lesta, aprenden a arte da interpretación e a creación teatral.  

Grupo municipal de teatro de Ames

Para rematar a mostra, o venres 27 de novembro, chegará á Casa da Cultura de Bertamiráns o grupo municipal de teatro de Ames coa súa última produción A Voda. Esta peza teatral está artellada sobre unha dramaturxia que reúne, asemade, os textos Tráxico á forza e Sobre os males que provoca o tabaco. Cómpre salientar a achega fundamental destas obras dramáticas do teatro universal ao patrimonio do teatro e da cultura galegas, gracias ás traducións e ao labor desenvolvido ao longo das últimas décadas por Francisco Pillado Mayor.

Esta peza teatral está dirixida por Mónica Camaño. O deseño do espazo escénico, o aderezo e o vestiario correu a cargo da propia Mónica Camaño e dos actores e actrices que participan nesta peza teatral, mentres que o deseño de iluminación ten a firma de Ze Paredes, que xa preparou as últimas montaxes do grupo. Do deseño gráfico encárgase Pablo Gulín, mentres que o soporte técnico é de Armando Salas.

5 de novembro de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.