A UCGAL levará a cabo dous talleres formativos sobre o consumo e aforro da electricidade en Bertamiráns e no Milladoiro
A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en colaboración co Concello de Ames, impartirá dous talleres formativos que levan por título “Entender e aforrar na factura da electricidade”. O primeiro terá lugar este mércores, 18 de novembro, ás 20:00 horas, no local social de Jupemi, situado na rúa Figueiras 3, no Milladoiro. O segundo taller será o venres, 20 de novembro, ás 20:30 horas, no salón de plenos da Casa do Concello de Bertamiráns. É necesario asistir cunha factura da luz.
A Unión de Consumidores de Galicia, consciente da complicación que representa coñecer os mecanismos de funcionamento do sector eléctrico e en vista do progresivo aumento das reclamacións dos consumidores nesta materia, pretende formar á cidadanía no eido da subministración eléctrica para garantir os seus dereitos como consumidores e axudarlles a entender e aforrar na factura da electricidade.
Nestes talleres, os asistentes poderán resolver as súas dúbidas sobre as distintas modalidades de contratación de electricidade, a substitución dos contadores analóxicos polos contadores dixitais, a potencia contratada e a nova tarifa da luz por horas que tanta confusión xera. O único requisito para participar é o de levar unha factura o día da actividade.
Estas actividades formativas están impartidas por técnicos da Unión de Consumidores de Galicia e organizadas co patrocinio do Instituto Galego de Consumo (IGC) e coa colaboración do Concello de Ames. A través destas xornadas facilitaráselle aos consumidores e usuarios amesáns unha mellor comprensión en materia de subministración eléctrica.











