A terceira edición do proxecto Ames Integra finaliza coa entrega de diplomas

Entrega de diplomas
O alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, entregaron os diplomas dos cursos de operario de almacén e de esforzo de integración, que se desenvolveron dentro do programa municipal Ames Integra III. Deste xeito, deuse por finalizado este proxecto de formación e integración socio-laboral, que estivo dirixido á poboación inmigrante que reside no termo municipal amesán. Ademais, deste cursos desenvolvéronse itinerarios personalizados de inclusión socio-laboral e un programa de asesoramento técnico especializado a persoas inmigrantes do que se benefician máis de 50 usuarios/as.
O Concello de Ames desenvolveu unha nova edición do proxecto Ames Integra, que estivo dirixido á poboación estranxeira extracomunitaria con permiso de residencia e traballo. Este programa, que estivo organizado en colaboración entre os departamentos de Servizos Sociais e Promoción Económica, marca unhas liñas estratéxicas que hai que seguir para mellorar a empregabilidade dos desempregados inmigrantes con menos recursos económicos e formativos. A través deste proxecto intentouse favorecer a inserción laboral deste colectivo.
Este proxecto, que foi impartido pola empresa Recursos de Consultoría, estivo composto dunha fase teórica, que se desenvolveu na Casa da Cultura do Milladoiro, e doutra fase práctica con prácticas en diversas empresas da contorna. Este programa estivo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Xunta de Galicia, a través da consellaría de Traballo e Benestar. Os usuarios/as deste programa dispuxeron dunha axuda para o desprazamento.
O alcalde de Ames, José Miñones, destacou na entrega de diplomas que “a situación do mercado laboral segue estando difícil, pero non se pode perder a esperanza de atopar un traballo. Dende o Concello seguiremos realizando este tipo de programas e outros obradoiros de emprego que temos en marcha. Ademais, intentaremos implicar ás empresas do polígono do Milladoiro para tratar de crear emprego”.
Impartición de cursos e itinerarios persoais de inserción
Este programa, que estivo divido en tres fases, dispuxo dunha área de itinerarios persoais de inserción, un curso de operario de almacén e outro curso de esforzo de integración. O curso de operario de almacén estivo composto de 120 teóricas e 80 de prácticas. Ademais, impartíronse itinerarios personalizados de inserción socio-laboral como o itinerario de inclusión social.
Ademais, durante todo o ano desenvólvese un programa de asesoramento técnico especializado a persoas inmigrantes do que se están a beneficiar máis de 50 usuarios/as. A través deste programa trátase de regularizar a situación administrativa dos/as beneficiarios/as en función das súas expectativas laborais; renovación e modificación das autorizacións de residencia e traballo; homologación de títulos; etc.











