A subdelegación do Goberno informa que se van a cubrir as 6 vacantes existentes no cuartel da Garda Civil do Milladoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá unha nova sesión da Xunta Local de Seguridade, unha xuntanza que estivo presidida polo alcalde, José Miñones, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán. Trátase da primeira reunión deste órgano dende a toma de posesión do actual goberno municipal, polo que serviu de presentación do novo executivo amesá. O principal acordo ao que se chegou foi a necesidade de cubrir as 6 vacantes existentes no cuartel da Garda Civil do Milladoiro, para volver a contar cos 35 axentes que había inicialmente. Ademais, deuse conta da diminución das infraccións penais nun 5,5% respecto ao pasado ano. Dende o goberno municipal pediuse colaboración no referente aos casos de violencia de xénero, xa que é unha das liñas de actuación que se pretende reforzar durante os vindeiros anos. 

Un dos puntos tratados neste encontro da Xunta Local de Seguridade foi a dotación de efectivos do cuartel da Garda Civil do Milladoiro. Sobre este tema o goberno municipal trasladoulle á subdelegación do Goberno a necesidade de cubrir os 35 postos cos que foi creado o cuartel da Garda Civil do Milladoiro. Na actualidade hai 29 efectivos, xa que durante estes catro anos producíronse 6 baixas que non foron cubertas. Ademais, dos 29 postos existente agora, hai varios axentes que se atopan de baixa. Isto evidencia á necesidade de incrementar o número de efectivos. 

Dende a subdelegación do Goberno destacaron que se está traballando nesa liña. Deste xeito, comprometéronse a cubrir os 6 postos que están descubertos na actualidade para dispor dos 35 efectivos que había inicialmente. 

O alcalde de Ames, José Miñones, puxo de manifesto as particularidades que ten o concello de Ames “xa que conta con dous grandes núcleos urbanos de poboación e cunha extensa zona rural. Ademais, temos unha poboación cunha idade media de 38 anos. Debido a todo iso creemos que o cuartel da Garda Civil do Milladoiro debe ter máis efectivos e é necesario cando menos cubrir os postos cos que foi creado este cuartel no ano 2011”. 

Diminución das infraccións penais nun 5,5%

Por outra banda, tendo en conta os datos extraídos da análise da situación en materia de seguridade cidadá, elaborado polos diferentes corpos de seguridade, constátase unha diminución das infraccións penais nun 5,5% respecto ao ano pasado. Deste xeito, segue manténdose a tendencia á baixa experimentada nos últimos anos neste eido. Segundo explica o rexedor municipal “deuse conta de todos os casos ocorridos relacionados coas infraccións penais e falouse dos últimos casos acontecidos nos que se produciron diversas entradas nos vehículos en garaxes. Tanto a Policía Local de Ames como o corpo da Garda Civil está facendo un seguimento destes casos en particular.”

Outro dos asuntos tratados foi a valoración do informe da comisión de coordinación en materia de seguridade cidadá entre a Garda Civil e a Policía Local de Ames, creada a comezos de 2014. Sobre este asunto, Jesús Ramón Viaño, tenente-comandante do posto da Garda Civil do Milladoiro, destacou o bo traballo que se está realizando xunto á Policía Local de Ames en colaboración co corpo da Garda Civil. O informe da comisión evidencia unha boa coordinación entre os dous corpos de seguridade mantendo reunións periódicas. 

Solicitude de colaboración nos casos de violencia de xénero

O goberno municipal pediulle colaboración á subdelegación do Goberno no referente aos casos de violencia de xénero, xa que é unha das liñas de actuación que se pretende reforzar durante os vindeiros anos, a través do traballo realizado neste eido entre a Policía Local e a Garda Civil.

Por último, abordouse a nova normativa sobre a comunicación e autorización dos espectáculos pirotécnicos con cargas superiores a 10 quilogramos. Coa entrada en vigor desta normativa será preciso facer unha comunicación previa que terá que ser aprobada por parte da subdelagación do Goberno. 

Á Xunta Local de Seguridade de Ames tamén asistiron a vicesecretaria xeral da delegación do Goberno en Galicia, Eva Vázquez; o tenente-comandante do posto da Garda Civil do Milladoiro, Jesús Ramón Viaño; o xefe adxunto da unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Xunta de Galicia, Antonio Riádigos; o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, que comprende a área de Tráfico, Blas García; o inspector e o oficial da Policía Local de Ames, José Antonio Rodríguez e Maximino García; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina; e José Manuel López, que asistiu en representación do destacamento de Tráfico de Santiago de Compostela. 

11 de novembro de 2015 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.