A secretaria de organización do PSdeG nega pinza PP-PSOE en Santiago

Pilar Cancela
A secretaria de organización do PSdeG, Pilar Cancela, negou que se producise “unha pinza PP-PSOE” no Concello de Santiago, tras votar ambos os dous partidos xuntos. Ademais, pediu ao alcalde, Martiño Noriega, de Compostela Aberta, “un poquito máis de talante”, ao recordarlle que “non ten maioría absoluta”.
Cancela foi preguntada polos xornalistas acerca do acontecido este luns, en presenza do voceiro socialista na Casa do concello compostelano, Paco Reyes, durante un acto no campus santiagués. Ao respecto, respondeu que “o único” que ten que dicir é que “se está a falar de coherencia”.
“Nós levabamos esa proposta no noso programa electoral; entón, o PSdeG o que fai é cumprir as súas propostas electorais”, defendeu.
Ao respecto, afirmou comprender que “mediáticamente” e a “algúns” interéselles “falar dunha pinza PP-PSOE”, xa que “iso é atractivo”. “Pero é que non se trata diso, trátase de que nós defendemos a proposta que levabamos no noso programa, que o PP benvido sexa a defender ás clases que menos recursos teñen e a aquelas persoas que lles custa máis saír adiante no día a día”, proclamou.
Neste sentido, opinou que aos populares “parece que lles entrou un ramalazo de sensibilidade social” dado que “resulta” que agora apoian “a proposta do Partido Socialista”. “Benvido sexa o PP as veces que queira; agora, iso non significa que teñamos un pacto previo con el”, insistiu. “Simplemente que eles foron os que cambiaron a súa posición”, incidiu, antes de reiterar que “a do PSdeG foi a que mantivo sempre”.
“QUE FALE, SE QUERE QUE NON VOLVA PASAR”
Se o rexedor “quere chegar a acordos e que non volva pasar o que pasou neste día, pois simplemente que fale”, advertiu Pilar Cancela. “O que si pediriamos ao señor Martiño Noriega é que home, que teña un poiquiño máis de talante, porque non ten maioría absoluta e se quere chegar a acordos e que non volva pasar o que pasou neste día, pois simplemente que fale”, dixo.
“Que fale e que formule propostas enriba da mesa e nós somos os primeiros que imos estar aí para falar e para dialogar”, agregou, antes de finalizar con que “dende logo, cando iso non é así”, o PSOE defende as súas propostas.
Por último, a responsable de organización do PSdeG argumentou que “noutros aspectos da proposta” con quen fixo “pinzar” o PSOE “foi co BNG”. “O que pasa é que iso non é tan atractivo”, remachou.











