A proba de selección para os mestres composteiros será o 30 de novembro
O vicepresidente provincial, César Mosquera, anunciou hoxe que a proba de selección para os mestres composteiros realizarase o vindeiro 30 de novembro ás 9.00 da mañá nas instalacións de Príncipe Felipe. O listado definitivo dos aspirantes admitidos que poderán concorrer ao exame publicarase, como moi tarde, este venres, logo de resolver as reclamacións presentadas.
En canto ao contido do exame, os responsables da área de residuos están a elaborar un listado de máis de 300 preguntas, das que se terán que seleccionar 100. Haberá un modelo único de test e a orde das cuestións decidirase aleatoriamente mediante un sistema informático momentos antes da entrada á proba para evitar calquera tipo de filtración das solucións.
O exercicio contestarase de xeito anónimo (cunha identificación mediante código) e será corrixido automaticamente con plantiñas electrónicas sen intermediación humana directa. Logo desta proba procederase á entrevista persoal, que se utilizará a xeito de desempate no caso de cualificacións parellas.
Xa están nomeados os membros do tribunal segundo os criterios establecidos nas bases. A presidenta será a técnica de Formación e Emprego da Deputación, María Chaves; o secretario o xefe de servizo do Servizo de Asistencia Intermunicipal (SAIM) do organismo provincial, Gabriel Rodríguez; e a vogal a técnico provincial de Medio Ambiente, María Martínez Abraldes.
Dos 495 aspirantes que presentaron a súa solicitude para participar no proceso de selección foron admitidos inicialmente 438 e excluídos 57 -un 8,6% do total- por diferentes motivos (22 por ter finalizados os estudos antes do ano 2002, dez por non achegar o certificado do nivel de lingua galega correspondente, nove por non achegar a titulación esixida na convocatoria, cinco por presentarse fóra de prazo, catro por ter disfrutado dunha bolsa segundo o establecido nas bases, outros catro por non achegar a tarxeta de demandante de emprego/mellora de emprego e tres por non achegar a fotocopia do DNI en vigor ou documento que o substitúa).
O curso, en xaneiro
Os 20 aspirantes con mellores cualificacións no test e na entrevista pasarán a unha nova fase de selección: un curso de formación intensivo de seis semanas con expertos recoñecidos no sector (de Cataluña, Navarra, Guipuzcoa ou Italia) e clases maxistrais de profesores universitarios convidados que comezará no mes de xaneiro. Finalizado o curso, a comisión seleccionadora proporá a adxudicación das dez bolsas aos que obteñan a maior puntuación. Estos acadarán a titulación de mestre composteiro.
A incorporación efectiva dos bolseiros ao traballo nos centros comunitario de compostaxe que instalará a Deputación ao longo da provincia producirase de xeito paulatino en función das necesidades reais dos concellos. O resto de aspirantes que superasen o curso pasarán a formar parte dunha lista de reserva para os casos de renuncia ou incumprimento de obrigas. A remuneración dos bolseiros correrá a cargo da Deputación durante un período de seis meses prorrogables a outros seis meses máis nunha contía de 1.400 euros ao mes (cos gastos de desprazamento incluídos). O seu traballo consistirá no mantemento dos centros de compostaxe comunitario e no asesoramento e divulgación do sistema. Poderán exercer a súa actividade en varios municipios a un mesmo tempo.











