A praza de Manuel Murguía do Milladoiro acollerá a tradicional festa do magosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Música tradicional, un DJ, obradoiros de graffiti con temática de outono, xogos tradicionais, castañas asadas e bolos preñados, ademais dunha saída micolóxica e unha exposición cos cogomelos recollidos, compoñen o programa que o Concello de Ames preparou para a festa do magosto 2015. A festa desenvolverase na praza de Manuel Murguía o sábado, 14 de novembro, a partir das 17:00 horas. Ademais, o día anterior, o venres 13, ás 19:00 horas, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá unha charla coloquio sobre os cogomelos e o sábado pola mañá, haberá unha saída ao monte para recoller estes froitos de outono.

Un total de 140 quilos de castañas e 450 bolos preñados serán servidos na festa do Magosto 2015 que organiza o Concello de Ames, a través dos departamentos de Cultura, Mocidade e Medio Ambiente. É habitual que as localidades do Milladoiro e de Bertamiráns se alternen, para acoller esta festa de outono en Ames. Este ano tócalle quenda ao Milladoiro polo que será na praza de Manuel Murguía onde se leven a cabo as actividades que xirarán en torno á música, os graffitis e os xogos tradicionais.

Música, obradoiros e xogos populares

Musicalmente animarán a festa A Requinta da Maia, da Asociación Follas Novas, Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela e un DJ. A Asociación Vella Escola encargarase de impartir un obradoiro de graffitis, a través do cal os mozos e mozas que o desexen poderán practicar esta técnica pictórica sobre paneis instalados para ese fin. Os temas que se debuxarán terán que ver co outono.

Baixo o denominador común de Adro Popular, a Asociación Altega, ensinará a quen o desexe unha serie de xogos tradicionais. A ra, os zancos, a buxaina, a corda, o turra xoga, as chapas e a petanca son algúns deles. Os xogos desenvolveranse entre as 17:00 h e as 19:00 horas. Por outra banda, a Asociación SOS Animalia fará tamén un xogo participativo, ao tempo que dará a coñecer os seus obxectivos que se centran en protexer, acoller e fomentar a adopción de animais de compañía, así como a tenencia responsable e o correcto coidado dos mesmos.

Charla e saída micolóxica

Previamente á festa, a celebración do outono en Ames comeza na tarde do venres, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns onde o profesor Sergio Rojo Martínez, do grupo de actividades medioambientais Arenaria Coordinación, ofrecerá unha charla coloquio sobre os cogomelos. Nesta charla analizaranse as especies máis facilmente recoñecibles, tanto as comestibles como as que nunca se deben inxerir.

Os coñecementos teóricos adquiridos na conferencia, á que pode acudir calquera que o desexe, porque a entrada é libre ata completar aforo, poderán validarse practicamente na saída micolóxica que terá lugar o sábado pola mañá. Porén, quen desexe participar desta recollida de cogomelos polo monte terá que inscribirse previamente chamando ao teléfono 660 004 665 ou enviando un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.org.

Está previsto que os participantes se reúnan ás 10:00 horas na Praza do Concello de Bertamiráns e ás 10:15 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Logo un autobús levaraos a unha zoa próxima que será determinada polo profesor Rojo Martínez, dependendo das condicións climatolóxicas. Pola tarde, a partir das 17:00 horas, e xa no marco da festa do magosto, analizaranse as especies recollidas e farase unha exposición cos cogomelos.

Na realización da festa do Magosto 2015 de Ames colaboran co Concello de Ames a Asociación Lentura, a Asociación de Festas do Milladoiro, Arcea Adames, Tolos pola xuventude, o club MillaRaio e SOS Animalia.

 

9 de novembro de 2015 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.