A planta viguesa de PSA para a súa produción en recordo ás vítimas do atentado de París

Minuto de silencio en Vigo
A planta viguesa de PSA Peugeot Citroën, ao igual que tódolos centros de traballo da multinacional francesa, parou a súa produción este luns durante un minuto como acto de recordo e apoio ás vítimas dos atentados de París e as súas familias.
A parada produciuse ás 12,00 horas, momento en que directivos da fábrica e traballadores, acompañados polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a delegada de Zona Franca, se concentraron na entrada principal da factoría para gardar un minuto de silencio.
A empresa invitou os seus traballadores a secundar a homenaxe, así como ao conxunto de colaboradores do grupo. Ademais, a través da web da compañía difundiuse unha mensaxe de solidariedade coas vítimas.
Nesa mensaxe, “a Dirección e o conxunto de traballadores de PSA Peugeot Citroën” expresaron a súa “profunda emoción tras os atentados que sacudiron París o 13 de novembro”, e o seu desexo de “sumarse á pena das familias das vítimas”.
Ademais deste acto, os minutos de silencio repetíronse ante o edificio da Xunta en Vigo, na sede da Axencia Europea de Control da Pesca e tamén na Praza do Rei, diante do Concello.











