A nova sede do Museo das Peregrinacións de Santiago abre as súas portas cunha exposición de 1.000 pezas
Preto de 1.000 pezas, entre as que se atopan pinturas, esculturas, documentos, códices, elementos patrimoniais e pezas históricas, algunhas delas non expostas anteriormente, forman a exposición permanente coa que o próximo sábado abrirá as súas portas a nova sede do Museo das Peregrinacións de Santiago, situado na Praza de Praterías.
Esta mostra, que convivirá con dúas exposicións temporais, está estructurada en tres bloques, unha introdutoria sobre a peregrinación en xeral como fenómeno universal, outra sobre a peregrinación xacobea e os Camiños a Santiago -a máis extensa- e unha última sobre a evolución da propia cidade de Santiago.
A nova sede do Museo das Peregrinacións, que substitúe á Casa Gótica de San Miguel dos Agros, conta cuns 1.000 metros cadrados de exposición divididos en catro plantas, tres veces máis que o espazo do que se dispoñía anteriormente. As salas, abertas e comunicadas entre elas, albergan sobre un 1 por cento dos fondos propios desta institución.
O director do centro, Bieito Pérez Outeriño, sinalou que, dende a inauguración este sábado e ata o día 15 o novo museo ofrecerá xornadas de portas abertas con visitas gratuítas para que os cidadáns e visitantes poidan coñecer estas novas instalacións. A posteriori, a entrada será a 2,40 euros a ordinaria e 1,20 euros a reducida, ademais de ofrecer acceso gratuíto a varios colectivos.
A PEREGRINACIÓN
A primeira parte da exposición permanente que poderá verse dende este sábado está protagonizada pola peregrinación como “fenómeno mundial” presente en distintas culturas, relixións e partes do mundo.
Para iso, conta con testemuños e elementos de peregrinación de Xapón, a India ou o Tibet. No caso da peregrinación cristiá, de orixe xudeu, a mostra fai apuntamentos sobre as súas tres grandes metas: Jerusalén, Roma e Santiago.
O CAMIÑO DE SANTIAGO
En segundo lugar, o visitante poderá ver un amplo apartado dedicado a Santiago Apóstol, con referencias históricas, lendas e elementos simbólicos entre os que se atopan táboas flamencas, pezas patrimoniais de gran valor e a representación máis antiga da ‘translatio’ xacobea, nunha moeda do século XII.
Tamén mostra a Santiago nas súas tres facetas, a de Apóstolo, a de peregrino e a de cabaleiro a través de distintas esculturas e pinturas, así como a súa repercusión en América coa figura do ‘Santiago Mataespañoles’ e a pintura do ‘Santiago Mataindios’.
A exposición permite achegarse ás diferentes vías a Santiago a través dun ‘videomaping’ coas rutas en Europa e unha detallada descrición dos Camiños oficiais na Península Ibérica, e á figura do peregrino onte e hoxe, cos seus símbolos, motivacións e indumentaria.
Neste apartado destacan unha bula papal de Gegorio XIII, a cuncha do peregrino máis antiga da que se pode certificar a súa orixe -anterior ao ano 1120- e un códice sobre indumentarias femininas do século XVI que se pertence aos fondos do museo e se expón por primeira vez.
A CIDADE
No último dos apartados, os visitantes poderán achegarse á evolución arquitectónica da primeiro basílica e despois Catedral de Santiago dende o descubrimento do sepulcro do apóstolo.
A maiores, teñen cabida elementos arqueolóxicos e patrimoniais da cidade de Santiago e unha representación dos seus oficios, como a azabachería, os zapateiros ou o traballo en prata.
Durante todo o percorrido, as pezas históricas e artísticas se mesturan con contidos audiovisuais e interactivos. Así mesmo, dispón de vitrinas táctiles para persoas con minusvalidez visual.











