A Enfermaría ferrolá recibe un premio por un traballo sobre úlceras de extremidade inferior
Profesionais de Enfermaría da Xerencia Integrada de Ferrol reciben un novo premio polos seus traballos. Nesta ocasión, é a enfermeira Alba Elena Martínez Santos, que -baixo a dirección dos enfermeiros da área ferrolá, Jose Pesado Cartelle e Eva Tizón Bouza- realizou un traballo sobre o Coñecemento enfermeiro sobre as úlceras de extremidade inferior, e que forma parte dun estudo máis amplo que se está a preparar para a súa publicación. Acadou o premio á mellor comunicación no III Encontro Galego de Enfermaría e Fisioterapia, que se celebrou a pasada semana en Ourense.
O obxectivo do estudo era determinar se os profesionais que traballan na área sanitaria e centros sociosanitarios do entorno identifican as úlceras de extremidade inferior, e se coñecen as guías de práctica clínica, protocolos, e documentos de consenso sobre as mesmas. Realizaron un estudo descritivo, observacional e multivariado con profesionais de Enfermaría tanto do ámbito hospitalario como dos centros de saúde e sociosanitarios. Traballouse cun total de 274 profesionais.
Un 52% dos e das profesionais de Enfermaría coñece os manuais ou Guías de Práctica Clínica en relación coas úlceras e feridas crónicas nas extremidades inferiores; e un 47% ten acceso a elas no seu traballo. Tódolos profesionais enquisados resaltan que se debe ter en conta a calidade de vida dos pacientes.
Aplicación, accesibilidade ó coñecemento sobre estas feridas
“No noso estudo, tense corroborado que o factor que máis inflúe no coñecemento sobre este tipo de feridas crónicas é coñecer as guías de practica clínica. Existe ese 52% de profesionais que xa as coñecen, pero creemos que esas cifras deben aumentar, xa que coñecer esas guías implica tamén unha mellora no coidado dos pacientes” explica Alba Elena Martínez. “É realmente complicado estar sempre ó día porque esas guías son moi amplas e están actualizándose constantemente; e as enfermeiras teñen unha gran carga de traballo, e cada vez máis competencias e coñecementos que cambian e avanzan moi rápido”, engade.
Por iso, en base os datos obtidos, propoñen facer unha aplicación para o móbil, xa que “hoxe en día case todos o levamos encima, e non só no hospital, se non tamén cando se realizan coidados nos domicilios ou nos centros de saúde; e poderíase consultar as evidencias ó respecto en calquera momento”.
A aplicación é unha proba beta que se estruturaría de tal xeito que puidera ofertar a información por bloques como a prevención, o diagnóstico, os coidados ou a taxonomía enfermeira. Aglutinaríase o máximo de información e estaría constantemente actualizada. “Sería moi útil, sobre todo por ese aspecto da portabilidade”, subliña Martínez Santos.
Sobre esta cuestión, xa se indaga ó respecto no propio estudo. O 92% dos profesionais enquisados xa emprega algún tipo de TIC; e o 94% dos consideraría útil unha aplicación (App) específica sobre úlceras de extremidade inferior. Esta profesional considera que a “Enfermaría é unha gran profesión, e que debemos axudar a que siga avanzando”; e quixo agradecer a participación de “tódolos profesionais de Enfermaría da área e dos centros sociosanitarios que “teñen feito posible o estudo”.











