A empresa Ediserpo executará a reurbanización da zona verde de Pasarón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a adxudicación á empresa Ediserpo da reurbanización da zona verde de Pasarón, na avenida da Coruña, por valor de 169.228 euros (a licitación era de 241.823,45 euros). Segundo explicou esta mañá o portavoz do Goberno, Raimundo González, a empresa oferta como melloras a reposición do pavimento no cruzamento coa rúa Luís Otero e a pavimentación do camiño da pé que pasa por detrás da grada sur do campo de fútbol.

Cabe lembrar que a parcela ten unha superficie de 3.486 metros cadrados na que se pretende actuar para resolver problemas de estética xeral porque non é o acceso máis acaído para o campo; tamén problemas de accesibilidade; seguranza para crear un espazo onde se sitúen os vehículos de emerxencia necesarios cando se celebra unha competición deportiva no campo; e crear, tamén, un espazo polivalente.

A obra considera tres ámbitos de actuación:

• A creación dunha plataforma de cinco metros de ancho, máis próxima á grada para facilitar o acceso das persoas ao campo. Terá unha rampla de acceso cunha pendente dun 8% dende a rúa Luís Otero.

Esta é unha zona con diferentes cotas de altura. Irá pechada cun muro de formigón cunha altura variable, de arredor 1,5 metros.

• Unha zona central de estacionamento dos vehículos de emerxencia nos días de encontros deportivos. Nos días nos que non haxa competición, o estacionamento será libre. O acceso a esta parte será pola rúa Luís Otero e tamén pola avenida da Coruña, aínda que non polo acceso actual, senón un pouco máis abaixo.

• Unha última será unha zona verde de 1.200 metros cadrados que percorre toda a parcela, dende a rúa Luís Otero até a avenida da Coruña. Levará céspede, rego automático, e soterrarase unha liña telefónica que existe na actualidade. Tamén se eliminará o peche de rede actual e encintarase o muro de pedra.

3 de novembro de 2015 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.