A directora xeral de Xuventude asiste á final de moda do certame ‘Xuventude Crea’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, asistiu hoxe nas tendas de El Corte Inglés de Vigo á exposición das coleccións finalistas da especialidade de moda de Xuventude Crea, o certame da Consellería de Política Social que ten por finalidade establecer unha vía para que a mocidade poida manifestar o seu talento e creatividade. Cecilia Vázquez destacou a aposta do Goberno galego pola creatividade xuvenil “como fórmula para avanzar na capacidade e habilidade para afrontar novos retos e responder ás oportunidades”, ao tempo que asegurou estar convencida de que “os mozos e mozas galegos teñen unha inmensa capacidade para chegar a solucións innovadoras a través da súa creatividade”.

O fallo do xurado, coñecido hoxe no transcurso do acto celebrado en Vigo, determinou que o 1º premio fora para a colección ´Jane Rocks´ de Irene Muiños Pereira; o 2º premio para ‘Militante vanguardista’ de Yolanda Román Vázquez e, por último, o 3º premio para ‘#Tags for life’ de Iria Carrera Chapela.

As cinco coleccións finalistas na categoría de moda estiveron compostas por cinco pezas cada unha delas confeccionadas por cinco mozas: ‘Militante vanguardista’ de Yolanda Román Vázquez, de Vigo; ‘Jane Rocks’ de Irene Muiños Pereira, de Mos; ‘#Tags for life’ de Iria Carrera Chapela, de Vigo; ‘Gala, Galuska, Gradiva’ de Thalita Kumy Dumont Copero, de Vigo; e ‘Galaxia’ de Inés Rivera de la Vega, da Coruña.

Na súa intervención, o delegado da Xunta en Vigo gabou as coleccións das finalistas e animou aos mozos e mozas a continuar participando neste tipo de certames que contan co apoio da Xunta de Galicia. “Vemos que hai xente xoven que presenta novos proxectos e dende a Administración imos a apoiar sempre a creatividade e o talento”, declarou López-Chaves.

O certame ‘Xuventude Crea’ convoca cada ano concursos en once especialidades: teatro, música, artes plásticas, fotografía, deseño de xoias, banda deseñada, relato breve, poesía, moda, videocreación e graffiti. Na edición de 2015 de Xuventude Crea presentáronse un total de 228 proxectos individuais e en grupo. Participaron máis de 300 mozos e mozas galegos ou en residentes en Galicia, non profesionais e con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.

Outras especialidades

Ao longo deste mes de novembro terán lugar as finais das especialidades de deseño de xoias, música, fotografía e artes plásticas que se sumarán ás xa decididas nas disciplinas de poesía e graffiti, así como as de teatro e moda que están en marcha. Deste xeito, o vindeiro xoves 12 de novembro terá lugar a actuación en directo dos grupos finalistas de música; a Fundación Eugenio Granell en Santiago acollerá a exposición das coleccións finalistas da especialidade de deseño e xoias; e, por último, a Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela acollerá a mostra dos traballos finalistas de artes plásticas (pintura e escultura) e fotografía. O acto final de entrega de premios das 11 especialidades terá lugar o próximo 3 de decembro.

No que atinxe á modalidade teatral, na xornada de hoxe actúa Trasluz Teatro de Salvaterra do Miño coa obra ‘A tres niveis’; e Non si? Teatro de Baiona porá en escena ‘Variacións dun soño sen título’. Tras as funcións de Caruncho Teatro da Coruña, coa obra ‘Canobacho do Pierrock’; e Pinchacarneiro Teatro, de Noia, con ‘Vilar de inferno’; esta fase final pecharase mañá venres coa obra ‘Vodas de sangue’ a cargo de Fusco e Lusco Teatro, do IES Universidade Laboral de Ourense; e ‘Mousike e as kronomusas’, de Vacaloura teátrica do Rosal.

En poesía, o primeiro premio foi compartido entre Brais Lamela Gómez, (Vilalba), coa obra ‘Memorias dun cuarto afincado en Nevermore’ e Mónica Sánchez Rodríguez (Monforte de Lemos) polo poemario ‘O sosego do lodo’. O segundo premio, tamén compartido, recaeu en Andrea Aris Couso (Vigo) pola obra ‘3/cuartos de fame’ e en Sonia Martínez López (Sarria) por ‘Interacións fundamentais’. E o terceiro compartido foi para Fabián Freijedo Fariñas (O Carballiño) con ‘00023-KZ Arquivo Chus Psiquiatría’ e para Celia Parra Díaz (Ourense) pola obra ‘Profundidade de tacto’.

En graffiti, o primeiro premio recaeu en Ramón Conde-Corbal Varela (Mon Devane) de Ourense, co proxecto ‘Festa neón’; o segundo premio en Tirso Paz Sans (Bublegum) de Lugo coa obra ‘Mirada melosa’ e o terceiro premio foi compartido entre: Marcos Lamas Bestilleiro (Silcoe) da Coruña por ‘O rostro do querer’ e Abraham Caride Fernández (O neto do Santos) de Ourense con ‘Enxebre’.

5 de novembro de 2015 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.