publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra organiza un proxecto de acción artística contra a Violencia de Xénero en 10 concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisCangasLalínMoañaPontevedraPontevedraRedondelaTomiñoTuiVigoVilagarcía de Arousa
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto coa deputada delegada de Igualdade, Isaura Abelairas, a comisaria da acción, Paula Cabaleiro, e as artistas participantes, deu a coñecer “Mulleres en acción: violencia zero”, un proxecto de acción artística contemporánea, simultánea no espazo público de 10 concellos da provincia. En concreto, Caldas de Reis, Cangas, Lalín, Moaña, Pontevedra, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa son os concellos nos que se organizarán performances para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero o 25 de novembro.

Carmela Silva destacou que “no que levamos de 2015 foron 48 as mulleres asasinadas polas violencias machistas, polo que, a través de ‘Mulleres en acción: violencia zero’, a Deputación de Pontevedra quere reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual da violencia machista no noso país, impulsando e dando visibilidade, ademais, ás artistas novas galegas, mulleres que ocupan un espazo moi relevante no mundo artístico e cultural e que, ademais, teñen un compromiso claro coa igualdade e loita contra as violencias machistas”.

A presidenta engadiu que o proxecto quere “facer partícipe á cidadanía, que será cocreadora das pezas colectivas nos distintos espazos públicos co obxectivo de impulsar a reflexión crítica social e incentivar a integración de mulleres e homes na loita contra unha realidade que nos afecta a todas e a todos”.

As performances serán retransmitidas en directo desde o perfil da Deputación de Pontevedra en Twitter, coa etiqueta #ViolenciaZero e mencións aos concellos e artistas participantes. Ademais, e dun xeito máis sumarial e con maior detalle, irase publicando máis información en Facebook e nas outras redes sociais da institución provincial, que recollerán o acaecido en cada acto desenvolvido nos concellos participantes. A presidenta tamén subliñou que a partir de hoxe se fará visible o blog creado para o proxecto https://mulleresenaccion25n.wordpress.com.

“Mulleres en acción. Violencia Zero” estará integrado polas accións artísticas de 11 creadoras galegas novas, que realizarán oito propostas inéditas que reflexionan de xeito crítico sobre a problemática da violencia de xénero.

Axenda prevista para o 25 de novembro

A maiores das actuacións artísticas realizaranse dous actos centrais en Pontevedra, ás 12:00 h, na praza da Peregrina, e en Vigo, ás 19:00 h, en Urzáiz. Durante estes actos haberá senllas comunicacións vía Skype co resto dos concellos nos que se están a realizar as performances, co obxectivo de unir forzas e visualizar as diferentes accións nas distintas localidades; así, desde Pontevedra contactarase con Tomiño, Caldas de Reis, Tui, Moaña, Lalín, Redondela, Vilagarcía de Arousa e Cangas, e desde Vigo con Tomiño, Cangas, Lalín e Vilagarcía de Arousa. En Vigo proxectarase, ademais, un resumo de como transcorreu a acción simultánea ao longo da xornada nos distintos concellos.

18 de novembro de 2015 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.