A Deputación de Pontevedra mostra o seu compromiso contra as violencias machistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

“Ás mulleres estannos matando, queremos dicilo alto e claro. E as administracións non poden mirar para outro lado”. Con esta frase, a Presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou o apoio da institución provincial á Marcha contra as Violencias Machistas, que terá lugar maña sábado en Madrid. Silva aproveitou a convocatoria da rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno para presentar a Marcha, acompañada dunha representación do colectivo convocante, a Plataforma Feminista Galega, e das deputadas provinciais.

A Deputación de Pontevedra amosa por primeira vez un compromiso serio contra as violencias machistas, coa posta en marcha dunha serie de iniciativas encamiñadas a loitar contra esta lacra social. Así o manifestou Carmela Silva, a presidenta da Deputación, quen non dubidou en afirmar que non pode haber democracia se as mulleres non ocupan o lugar que lles corresponde na sociedade.

Neste contexto, a Deputación tomou a decisión de apoiar a participación na Marcha contra as Violencias Machistas coa impresión de carteleira e a dotación de catro autobuses que partirán de diferentes puntos da provincia en dirección a Madrid. Ademais, a fachada do Pazo Provincial iluminarase de malva na tarde do 6 de novembro, a partir das 20.00 horas, en símbolo de apoio á causa da Igualdade. O edificio da Deputación xa loce dende o día 3 de novembro unha pancarta xigante na fachada coa inscrición ‘A Deputación de Pontevedra contra a Violencia Machista”.

Carmela Silva quixo deixar claro que o apoio da Deputación de Pontevedra á Marcha non é un simple xesto, senón que forma parte dunha liña prioritaria de actuación en materia de Igualdade que xa se concretou, entre outras iniciativas, na creación dun Servizo de Igualdade no ente provincial.

Doutra banda, a presidenta provincial reclamou o apoio de todas as administracións para poñer freo ao asasinato de mulleres, habilitando todos os recursos necesarios. A este respecto, reclamoulle á Xunta e o seu Presidente Núñez Feijoo, que emprenda medidas efectivas para poñer freo ao asasinato das mulleres e ofreceulle toda a colaboración da Deputación de Pontevedra.

Carmela Silva tamén se dirixíu ás representantes da Plataforma Feminista Galega para presentarse como unha muller máis e felicitalas pola iniciativa. “Síntome incluso emocionada de que sexades capaces de levantar contra vento e marea, e ás veces ante moita incomprensión, a bandeira da igualdade”, díxolles.

Da provincia de Pontevedra partirán cara Madrid 6 autobuses completos, dos que catro están subvencionados pola Deputación. A estes sumaranse outros tantos autobuses que sairán da provincia da Coruña.

6 de novembro de 2015 | 17:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.