A Deputación de Pontevedra formará a profesionais da Administración local para o traballo con adolescentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra, a través do Plan Agrupado de Formación Continua, está a organizar durante esta semana o curso de 20 horas titulado “O traballo con adolescentes no marco do Servizo de Educación Familiar”. Esta actuación formativa foi posta en marcha co obxectivo de responder á demanda de formación específica dos profesionais do Servizo de Educación e Apoio Familiar dos concellos da provincia, para actualizar os seus coñecementos e intercambiar experiencias con profesionais doutros concellos.

A Deputación de Pontevedra financia o Servizo de Educación e Apoio Familiar dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Este servizo social comunitario básico integra o conxunto de proxectos e servizos de apoio educativo dirixidos ás familias co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade, especialmente as eventuais situacións de maltrato infantil ou calquera outra desprotección, así como promover procesos de cambio que favorezan un adecuado exercicio das responsabilidades familiares, a mellora da autonomía, da integración e da participación social das familias e unidades de convivencia.

O curso que a Deputación de Pontevedra está a poñer en marcha, co título “O traballo con adolescentes no marco do Servizo de Educación Familiar” e impartido por Millán Brea, educador social de Quérote+ e con grande experiencia no traballo con adolescentes, trata de afondar nos seguintes contidos: habilidades sociais e resolución de conflitos na intervención socioeducativa, absentismo escolar, traballo con menores e familias e centros educativos, o uso de internet por adolescentes, inclusión social e identidade do grupo, acoso escolar, prevención da violencia ou trastornos relacionados con substancias e adiccións.

17 de novembro de 2015 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.