A Deputación da Coruña fomenta novas formas de participación social a través do voluntariado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Máis de cen profesionais e especialistas participan nas I Xornadas sobre voluntariado e Política Social que inaugurou este xoves a deputada da área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade e de Xénero, Ánxela Franco e que persiguen fomentar o voluntariado e impulsar novas formas de participación social.

Ao longo de todo o día, a través de distintas conferencias e mesas redondas, máis de cen profesionais participaron na I Xornadas sobre Voluntariado e Política Social organizadas pola Deputación da Coruña co fin de promover novas formas de participación social ademais de actualizar información sobre convocatorias europeas, creación de redes de coordinación e colaboración, emprego de novas tecnoloxías ou formas de financiamento de proxectos.

Na inauguración da xornada, a deputada Ánxela Franco destacou o compromiso no fomento do voluntariado a través de iniciativas como o proxecto europeo ACTIVEX, para persoas maiores de 50 anos e o proxecto VOLWe, sobre a creación de redes de voluntariado facendo especial fincapé no papel do voluntariado no ámbito do benestar social e as políticas de integración.

“A través deste traballo naceu un plano de viabilidade para a implementación dunha das bóas prácticas en materia de voluntariado. Esta proposta de implementación tivo como obxectivo fomentar o voluntariado de persoas novas así como a fidelización das que participan nestas actividades”, explicou Ánxela Franco. Referiuse tamén ás experiencias de Tic Tac, unha actividade de voluntariado organizada pola Deputación e dirixida á mocidade, á comunidade educativa e á poboación dos distintos concellos da provincia cun resultado tan positivo que convidou a continuar tamén neste anos 2015.

A organización agora das I Xornadas de Voluntariado e Política Social persigue, polo tanto, “seguir trallando en promover desde esta área proxectos e novas fórmulas de participación, de colaboración e de coordinación en cuestións de voluntariado e política social”, sinalou Ánxela Franco. Segundo defendeu na súa intervención inaugural, “xornadas como estas son precisas non só para partillar coñecementos, para presentar experiencias, senón tamén para planificar as futuras actividades e liñas de actuación”.

A xornada prolongouse ao longo de todo o día con intervención, entre outros e outras, de Raquel Crespo, da Asociación Galega de Aprendizaxe-Servizo, María del Mar Larouba, directora da Biblioteca González Garcés, María Pilar Lorenzo, Técnica coordinadora de voluntariado do Concello de Padrón, Iván García, Animador Sociocultural do concello de Vedra, Juan Redondo, Director Provincial de voluntariado de Cruz Vermella, Mª Pilar Lorenzo, técnica coordinadora de voluntariado do concello de Padrón ou Borja Dorado, educador social na Asociación Down Coruña.

12 de novembro de 2015 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.