A Deputación da Coruña conmemora o Día da Ciencia en Galego coa exposición “A Ciencia e a Tecnoloxía da Luz”
Reloxos de Sol mais tamén códigos de barras ou fotografía a alta velocidade; o funcionamento natural dos ollos e robots e gafas para mirar en 3 D. A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, asistiu á apertura da exposición “A Ciencia e a tecnoloxía da luz” promovida por Igaciencia coa que se conmemora o Ano Internacional da Luz e o Día da Ciencia en Galego.
O 4 de novembro conmemórase o Día da Ciencia en Galego e, neste 2015 que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou como Ano Internacional da Luz e das tecnoloxías baseadas na luz, a Deputación da Coruña celebra a data a través da exposición “A Ciencia e a tecnoloxía da luz”, promovida por Igaciencia que foi inaugurada este martes día 3 na Galería Sargadelos de Santiago.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, asistiu á apertura da mostra e mostrou o apoio a unha iniciativa que busca promover a produción de ciencia en galego e divulgar os saberes científicos como parte da cultura.
Acompañada polo presidente de Igaciencia, Manuel Díaz Regueiro e a vicepresidenta Inés Ben, Goretti Sanmartín visitou unha exposición na que a interactividade axudará a se achegar ás múltiples dimensións do fenómeno da luz na nosa lingua e dunha maneira amena e entretida.
“Con esta exposición queremos conmemorar este Ano Internacional da Luz e das tecnoloxías baseadas na luz desde a nosa lingua e a nosa cultura, cunha iniciativa que conxenia a nosa identidade ecoa modernidade da investigación, a cultura coa experimentación”, sinalou Goretti Sanmartín ao tempo que engadiu que a “escasa presenza ademais do galego nos estudos científicos convida tamén a que desde as institucións contribuiamos a promover iniciativas que camiñen cara a normalización da nosa lingua tamén no ámbito científico”.
A exposición “A Ciencia e a Tecnoloxía da Luz” componse de numerosos contidos de carácter didáctico, lúdico e interactivo co fin de ensinar de maneira activa. Fai un percorrido polo fenómeno da luz, primeiro arredor da súa propia investigación, considerada como unha construción humana e colectiva, logo desde un ámbito especialmente atractivo como é o da investigación espacial e, finalmente, explicando fenómenos relalacionados coa vida cotiá e cos retos do futuro. A mostra estará aberta até o día 11 na que xa están anotadas 800 persoas para as visitas guiadas, en especial nenos e nenas a partir de 10 anos.
O 2015 foi declarado Ano Internacional da Luz e das tecnoloxías baseadas na luz porque nel coinciden varios aniversarios sobre momentos estelares da historia da investigación na luz como o centenario dos traballos no campo da óptica realizados en 1015 por Alhacén, a natureza ondulatoria da luz proposta por Fresnel en 1815, o 150 aniversario da síntese electromagnética de Maxwell, o centenario da teoría xeral da relatividade de Einstein e as achegas de Charles Khao en 1965 sobre o emprego da fibra óptica nas comunicacións.
Igaciencia quere contribuír a espertar novas vocacións científicas, organizando numerosas actividades nas que a mocidade participa con entusiasmo como son o Concurso Galego de Robótica, o Congreso de Software Libre para Educación, o Rally científico e matemático sen fronteiras ou o Día da Ciencia en Galego no que tamén se enmarca esta exposición. Desde Igaciencia naceron tamén concursos como Inventa en Galego e Sensores para Todos, o primeiro dirixido a elaborar unha aplicación para Android cos lugares interesantes e turísticos en localidades, entre outras, como Ferrol, Valdoviño ou A Coruña.











