A Deputación da Coruña anima aos concellos a se activaren contra a violencia machista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Co lema “Actúa” a Deputación da Coruña quere contribuír a romper o silencio que existe arredor da violencia contra as mulleres e poñer o foco na súa gravidade. A vicepresidenta, Goretti Sanmartín, mais a deputada responsábel da área de Benestar Social, Educación e Políticas de Igualdade de Xénero, Ánxela Franco, presentaron as distintas iniciativas e liñas de traballo de cara o 25N e animaron aos concellos a se activaren para eliminar a violencia contra as mulleres.  

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, demandou unha maior implicación desde as administracións e maior conciencia social para eliminar a violencia contra as mulleres. “As políticas, o discurso, os recursos contra a violencia de xénero teñen que ser unha prioridade”, sinalou e, desde a Deputación fixo un chamamento “agora que todas as administracións están cos orzamentos, a que non haxa ningún recorte para atallar a violencia, a que existan orzamentos, planificación neste ámbito en que a administración local ten moito por facer”.  

Defenderon Goretti Sanmartín e Ánxela Franco a prioridade do sistema educativo e neste ámbito centraron algunhas das principais iniciativas que a Deputación da Coruña bota a andar de cara o vindeiro 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista. Entre elas, Ánxela Franco destacou a estrea este venres 20 de novembro na Casa da Cultura de Outes da curta “Convidados de Pedra”, un traballo audiovisual realizado polo alumnado do Instituto Poeta Añón que acadou o premio no “I Concurso de Guións contra a violencia de xénero”., convocado pola Deputación. 

Durante o pasado verán Luís Mayo, Antía Villar, Melissa Lado e Alberto Rodríguez coa titorización da profesora Manuela Campos e Esferobite, profesionais da imaxe, levaron a imaxes o guión co que gañaran a primeira edición do certame. A historia desenvólvese no  propio salón de actos da Casa de Cultura, e xoga coa metalinguaxe do medio para darlle esa oportunidade aos espectadores e espectadoras para que “actúe” contra a violencia de xénero. 

Na curtametraxe, participan dando vida á historia: Alba Calo, Jesús Alfonso Gallardo “Chucho”, Emilia M. Insua e Rosa M. Hermo ademais de boa parte das veciñas e veciños de Outes en días de revolución en que participaron empresas e comercios do concello. A deputada Ánxela Franco lembrou que está convocada a segunda edición do concurso de guións dirixido a escolares que ten como obxectivos a reflexión, sensibilización e prevención da violencia de xénero. 

Tamén convocado está o Premio Concepción Arenal dirixido a proxectos socioeducativos pola igualdade de xénero con tres modalidades, infantil, primaria e secundaria e unha dotación de 5.000 euros en cada unha delas. Premiaranse programas socioeducativos que traballen pola igualdade de xénero, a prevención de comportamentos de risco e intervención en materia de violencia de xénero ou a participación da comunidade escolar e das familias.

“Preténdese que a través da elaboración do guión a poboación adolescente cree debate, mobilización, fomente a súa creatividade mentres reflexionan sobre a importancia de combater e denunciar a violencia de xénero”, sinalou a deputada.  

Bandeirolas “Non mires, actúa” 

Desde o día 20 de novembro, dúas grandes bandeirolas pendurarán da sede da Deputación e permanecerán até o 9 de decembro. A seguir, ás 11:40, a curtametraxe “Convidados de pedra” presentarase no Centro de ensino Puga Ramón cun debate no que participará o alumnado do centro con participación tamén da titora do centro de Serra de Outes e unha alumna autora do guión. A curtametraxe emitirase tamén o día 25 na pantalla exterior do Teatro Colón ademais de en televisións e páxinas web.  

Ánxela Franco lembrou a urxencia de que os concellos se comprometan na loita contra a violencia machista e anunciou que distintas convocatorias de subvención da súa área terán en conta como criterio de valoración os medios que as entidades locais empregan neste ámbito de actuación.  

“A violencia de xénero non atende clases sociais, factores, territoriais, cuestión de idade, estudos ou profesión. Responde a un esquema de dominación, a un sistema patriarcal que nos domina e crea multitude de violencias, violencias cotiás, os chamados micromachismos que de micro non teñen nada”, defendeu Goretti Sanmartín para anunciar tamén o apoio ao libro “Machismos: de micro nada” do grupo Fiadeiras, do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, que a Deputación distribuirá entre as bibliotecas municipais este 25 de novembro. Avanzou tamén que a área acrecentarase, “para visibilizar, para falar, para debater, para pór voz, para actuar”.  

19 de novembro de 2015 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.