A Corporación viguesa condena o asasinato da muller supostamente acoitelada polo seu fillo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press
Condena do asasinato

Condena do asasinato

A Corporación de Vigo expresou este luns a súa condena e repulsa polo asasinato de María Inmaculada C.R., de 56 anos de idade, que foi acoitelada supostamente polo seu fillo na noite do domingo, nun domicilio da rúa Zamora.

Os concelleiros, encabezados polo alcalde, Abel Caballero, así como funcionarios e cidadáns, secundaron unha concentración silenciosa que tivo lugar ás 13.00 horas na Praza do Rei, como mostra de rexeitamento a este crime e en solidariedade coas vítimas de violencia e os seus achegados.

O rexedor olívico lamentou que a vítima sexa a cuarta muller asasinada na cidade en dous meses e medio e reiterou a súa “vocación” de loita contra as violencias machistas, que “debe continuar sen tregua”. A ese respecto, reiterou que levará ese compromiso ao ámbito municipal de toda España, como presidente da FEMP.

Así mesmo, subliñou que “as denuncias son moi importantes” e instou vítimas e cidadáns en xeral a que poñan estes feitos en coñecemento das forzas policiais, para poder actuar antes de que haxa desenlaces como o do domingo.

Finalmente, destacou as accións municipais do goberno vigués para protexer as mulleres vítimas da violencia de xénero, e indicou que “todo o que se faga nesa dirección será pouco”.

9 de novembro de 2015 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.