publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Casa da Cultura de Outes acolle a fase final da especialidade de teatro de Xuventude Crea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOutes
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asistirá mañá en Outes á primeira xornada da fase final da especialidade de teatro de Xuventude Crea, o certame da Consellería de Política Social que ten por finalidade establecer unha vía para que a mocidade poida manifestar o seu talento e creatividade. A Casa da Cultura de Outes acollerá dende mañá ata o venres as actuacións dos seis grupos teatrais finalistas desta especialidade do certame. As representacións descorrerán dúas por día, unha ás 17.00 e outra ás 20.30 horas, sendo a entrada de balde, ata completar aforo.

Así, na xornada de mañá martes actuarán Caruncho Teatro da Coruña, coa obra “Canobacho do Pierrock”; e Pinchacarneiro Teatro, de Noia, con “Vilar de inferno”. Ao día seguinte, xoves, representarán a obra “A tres niveis” o grupo Trasluz Teatro, de Salvaterra do Miño; e Non si? Teatro, de Baiona porá en escena “Variacións dun soño sen título”. Esta fase final pecharase o venres coa obra “Vodas de sangue” a cargo de Fusco e Lusco Teatro, do IES Universidade Laboral de Ourense; e “Mousike e as kronomusas”, de Vacaloura teátrica do Rosal.

Os grupos finalistas reciben unha axuda de 650 euros para esta actuación final. Os premios serán 3.000 euros para os gañadores; 1.500 euros para os segundos; e 1.000 euros para os terceiros. Os premios poden ser compartidos. E, por outra banda, tamén se poden outorgar mencións de honra, sen dotación económica.

Impulsar a creatividade

Cecilia Vázquez destacou que “dende a Consellería de Política Social apostamos polo desenvolvemento dos mozos e mozas, polo establecemento de mecanismos de respaldo á creatividade da xuventude e por converter este certame nunha plataforma de lanzamento para amosar os seus proxectos creativos”. Así mesmo, lembrou que “o certame Xuventude Crea pretende crear un espazo para que as mozas e mozos poidan exercitar as súas habilidades, poñer en marcha e ensaiar solucións innovadoras, valorar o exame crítico das obrar e outorgarlles visibilidade”.

Ademais da final de teatro, ao longo deste mes de novembro terán lugar as finais das especialidades de deseño de xoias, música, moda, fotografía e artes plásticas. Deste xeito, pasadomañá, día 5, nas tendas de El Corte Inglés de Vigo será a inauguración da exposición das coleccións finalistas de moda; o xoves 12 de novembro terá lugar a actuación en directo dos grupos finalistas de música; a Fundación Eugenio Granell en Santiago acollerá a exposición das coleccións finalistas da especialidade de deseño e xoias; e, por último, a Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela acollerá a mostra dos traballos finalistas de artes plásticas (pintura e escultura) e fotografía.

Cecilia Vázquez recordou que a fin de semana pasada celebrouse a final da especialidade de graffiti, recaendo o primeiro premio en Ramón Conde-Corbal Varela (Mon Devane) de Ourense, co proxecto “Festa neón”; o segundo premio en Tirso Paz Sans (Bublegum) de Lugo co traballo “Mirada melosa” e o terceiro premio foi compartido entre Marcos Lamas Bestilleiro (Silcoe) da Coruña por “O rostro do querer” e Abraham Caride Fernández (O neto do Santos) de Ourense con “Enxebre”.

Máis de 300 participantes

Na edición de 2015 de Xuventude Crea presentáronse un total de 228 proxectos individuais e en grupo para as once especialidades previstas: teatro, música, artes plásticas, fotografía, deseño de xoias, banda deseñada, relato breve, poesía, moda, videocreación e graffiti. Participaron máis de 300 mozos e mozas galegos ou en residentes en Galicia, non profesionais e con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, con dúas excepcións: a especialidade de música, na que ata o 25% do grupo pode superar os 30 anos; e a especialidade de teatro, na que ata os 25% dos compoñente do grupo pode superar os 30 anos ou poden ter entre 14 e 16 anos.

3 de novembro de 2015 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.