A Aula CeMIT de Ames oferta seis cursos e obradoiros para novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Iniciación á informática e ao correo electrónico, manexo do LibreOffice Calc, ofimática avanzada, edición de imaxes con GIMP e uso do smartphone. Son as actividades que propón a Aula CeMIT de Ames para este mes de novembro. Ademais, no horario da aula que é de 9:30 a 13:30 h e de 16:30 a 20:30 horas, cando non se realicen actividades concretas, os usuarios e usuarias poderán facer uso das instalacións e utilizar o equipamento do centro de xeito libre, ben para practicar mecanografía, navegar por Internet ou crear e editar textos e imaxes. Para obter máis información ou inscribirse nalgunha actividade os interesados poden facelo na propia Aula CeMIT, na Casa da Cultura de Bertamiráns, a través do teléfono 662 371 511, ou a través da web https://cemit.xunta.es/gl/centro/9.

As actividades comezaron o pasado martes, 27 de outubro, co curso de LibreOffice Calc, onde os usuarios e usuarias aprenden o manexo básico dunha folla de cálculo. Este curso prolongarase ata o 13 de novembro e desenvólvese os martes e venres de 19:00 a 20:30 horas.

Do 3 ao 12 de novembro estase impartindo a actividade de Iniciación a Informática II, onde os asistentes poden repasar contidos do primeiro curso destas características co obxectivo de afianzar os coñecementos adquiridos. Este obradoiro desenvólvese en horario de mañá, de 10:00 a 11:30 horas, os martes e xoves.

As persoas adultas que desexen aprender a crear e xestionar unha conta de correo electrónico teñen a oportunidade de facelo no curso de iniciación que programou a Aula CeMIT entre o 9 e o 19 de novembro. Esta actividade desenvólvese os luns e os xoves de 19:00 a 20:30 horas.

Entre o 16 e o 25 de novembro desenvolverase un curso de ofimática avanzada, no que os usuarios e usuarias aprenderán a utilizar o paquete ofimático LibreOffice. Nesta actividade os asistentes adquirirán as destrezas necesarias para manexar de xeito avanzado un procesador de textos, unha folla de cálculo, presentación de diapositivas e base de datos. O curso levarase a cabo de luns a xoves de 10:00 a 11:30 horas.

Curso de iniciación ao GIMP

En colaboración coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) a Aula CeMIT de Bertamiráns desenvolverá do 17 de novembro ao 4 de decembro un curso de iniciación á edición de imaxes con GIMP, unha alternativa a outras aplicacións de edición de imaxes, que permite realizar tarefas habituais deste tipo de programas como recortar, escalar, xirar, inserir textos, traballar con capas ou aplicar efectos avanzados.

A través deste curso coñeceranse as diversas ferramentas que ten GIMP para a manipulación de imaxes e desenvolveranse as técnicas e destrezas necesarias para a realización de imaxes que poderemos usar en páxinas web, documentos, etc. O curso está dirixido a mozos e mozas de 12 a 16 anos e realizarase os martes e venres de 19:00 a 20:20 horas. Os interesados nesta actividade poderán tamén inscribirse na propia OMIX.

Ademais, entre o 30 de novembro e o 3 de decembro levarase a cabo, en colaboración coa Fundación Vodafone, un curso para aprender a usar o smartphone e sacarlle o máximo partido ao teléfono. Haberá dúas quendas, de 10:00 a 11:00 horas polas mañás, e de 17:00 a 18:30 horas polas tardes.

Aula Aberta

Cando non se están realizando cursos, a aula CeMIT conta cun  servizo de aula aberta no que se poden utilizar os equipos de xeito libre. O horario é de 9:30 a 13:30 horas e de 16:30 a 20:30 horas, sempre que non existan actividades planificadas. Hai que lembrar que nos ordenadores da Aulta CeMT está instalado o programa Ktouch co que se pode aprender mecanografía. Ademais, os alumnos/as e exalumnos/as dos cursos poden acudir a repasar os contidos realizados nas clases.

A inscrición en calquera das actividades pode facerse na propia Aula CeMIT, na Casa da Cultura de Bertamiráns, a través do teléfono 662 371 511, ou a través da web https://cemit.xunta.es/gl/centro/9

10 de novembro de 2015 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.