A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza as II Xornadas sobre Baile Tradicional na Coruña
A Asociación de Gaiteiros Galegos organiza as II Xornadas sobre Baile Tradicional, que terán lugar na Coruña o vindeiro día 07 de novembro. Dende a AGG organízase esta actividade, necesaria e de moita utilidade para todos aqueles implicados no sector do baile tradicional, para ofrecer un espazo de debate no que conseguir unha posta en común de principios básicos sobre o baile tradicional en Galiza.
O baile tradicional galego ten un enorme valor histórico para a cultura galega, sendo unha das danzas mais ricas tanto pola súa beleza como pola combinación de movementos, por iso, dende a AGG consideramos que debe ser conservado, dignificado e transmitido. Nestas xornadas darase relevancia a esta parte tan importante na tradición galega como é a súa expresión corporal, o baile, e xunto cos profesionais, estudosos, e persoas destacadas do sector, analizarase o estado do baile tradicional en Galicia neste momento e tamén o seu futuro.
Estas xornadas están patrocinadas pola Secretaría Xeral de Cultura, e realizaranse no Centro Agora, na Cidade da Coruña.
Para estas xornadas contarase con persoeiros de excepción e de gran prestixio dentro da cultura tradicional como por exemplo, Mercedes Peón, que nos contará cal foi e segue sendo o papel da muller no baile tradicional. Ademais deste relatorio, contaremos con dous relatorios-obradoiros que nos amosarán a Xota no sur do país, da man de Francisco J. Feijóo “Chisco”, ou a Muiñeira vella de Bergantiños impartido por Pablo Díaz.
Contaremos tamén cunha mesa de debate, na que serán Miguel Sotelo, Sergio Cobos e Xabier Iglesias, moderados por Pablo Díaz, os encargados de poñer de manifesto as novas tendencias dentro do baile tradicional galego.
E para rematar, contaremos cun peche moi especial, no que cos ritmos das pandereteiras e gaiteiros da A. C. Donaire, os presentes poderán arrincarse a bailar unhas pezas.
Dende a Asociación de Gaiteiros Galegos coidamos imprescindible e necesaria esta cita, xa que calquera cultura que queira gozar de boa saúde haberá de preocuparse de ter presenza na sociedade, para facer chegar a súa historia e costumes.











