A APV participará nun encontro internacional en Madrid xunto aos principais expertos de cruceiros a nivel mundial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorVigo
A-
A+

Unha delegación da Autoridade Portuaria de Vigo desprazarase hoxe a Madrid con motivo da V edición do Congreso Internacional Cruise Summit que, até o vindeiro xoves, día 5 de novembro, reunirá na Capital española aos principais representantes do sector de cruceiros.

A delegación aproveitará este encontro, que permitirá analizar e comprender a realidade do turismo de cruceiros no noso país, para promocionar as infraestruturas portuarias entre os maiores expertos do sector a nivel internacional. 

Neste contexto, a Autoridade Portuaria presentará Vigo como o primeiro porto da costa cantábrica do noroeste peninsular e o primeiro da Comunidade galega en movemento de pasaxeiros de cruceiro, cun incremento do +43,63% neste tráfico no acumulado do ano (de xaneiro a setembro).

Así mesmo, destacará entre os asistentes a condición de Vigo como porto natural, seguro e aberto as 24 horas, os 365 días do ano, con moitas vantaxes para o tráfico de cruceiros, ao dispor dunha ría con 14.000 hectáreas de augas abrigadas. Un Porto que, actualmente, dispón de dúas terminais de cruceiros que permiten a estancia simultánea, en pleno centro da cidade, de ata catro cruceiros á vez. 

O obxectivo deste foro, organizado por Cruises News Media Group e dirixido a responsables de operacións comerciais de portos de cruceiros, operadores portuarios, navieras, profesionais do sector turístico en destino (hoteis, restaurantes, museos…), Administracións Públicas e organismos de promoción turística, axencias de viaxes, operadores de turismo ou comerciantes polo miúdo, é o de converter a España e Madrid en centro internacional de referencia da industria turística de cruceiros. 

Os profesionais máis influentes do sector

Para iso, o International Cruise Summit contará coa presenza dos profesionais nacionais e internacionais máis influentes do sector, entre os que se destaca Neil Palomba, Presidente de Costa Cruceros, que será entrevistado en directo ante todos os asistentes. 

Inaugurado polo Presidente de Portos do Estado, José Llorca, no congreso estarán presentes, ademais, o Secretario Xeral da Asociación de Liñas de Cruceiros (CLIA), Raphael Von Heereman; o Presidente e Conselleiro Delegado do Grupo Pullmantur, Jorge Vilches; e outros altos executivos de todas as compañías de cruceiros mundiais, autoridades portuarias nacionais e internacionais e industria auxiliar.

Estruturado en mesas redondas e relatorios, no International Cruise Summit abordaranse cuestións tan relevantes como a situación actual e futura da industria en España a nivel europeo e mundial, o impacto económico da actividade crucerística, os beneficios nas compañías de cruceiro e no sector en xeral, as operacións portuarias, a creación de novos destinos e os cruceiros fluviais, así como sesións e presentacións sobre a venda deste produto vacacional e a análise do mercado español. 

Promoción das infraestruturas viguesas

No caso concreto de Vigo, a delegación portuaria que participará neste evento aproveitará esta oportunidade única para promocionar as infraestruturas destinadas a esta industria, nas que investiu máis de 10 millóns de euros nos últimos anos nunha clara aposta polo sector.

De feito, unha das actuacións máis importantes, foi a da instalación dos Duques de Alba no Peirao de Transatlánticos, que permitiron ampliar a liña de atracada no centro da cidade en, aproximadamente, 120 metros, chegando até os 670 metros.  Esta nova infraestrutura permite a estancia simultánea de ata tres barcos de tamaño medio, e de dous de máis de 330 metros de eslora. 

A externalización dos servizos da Estación Marítima e o acondicionamento das antigas naves de comercio, habilitadas para a recepción de cruceristas, son outras das infraestruturas das cales dispón o Porto de Vigo para o tráfico de cruceiros. 

Do mesmo xeito, destaca a instalación en 2012 doutro Duque de Alba no Peirao de Comercio para mellorar a operatividade dos cruceiros que fan escala en Vigo. Este novo Duque de Alba prolongou a aliñación do Peirao, aumentando a súa capacidade de atracada até os 320 metros, co fin de facilitar a estancia de varios buques ao mesmo tempo. 

Balance 2015 e previsións 2016

Grazas a estas novas infraestruturas, desde que nos anos 90 comezou este tráfico de buques de recreo, as escalas non deixaron de incrementarse ata os nosos días. Tanto é así que o Porto de Vigo recibirá ao longo deste ano a preto de 290.000 persoas entre pasaxeiros e tripulantes, que chegarán á cidade por mar, principal entrada de turistas estranxeiros en Vigo, reforzando a condición de  Vigo como porto líder de todo o noroeste peninsular en canto a número de pasaxeiros de cruceiro. 

En canto ás previsións máis inmediatas, podemos confirmar que Vigo será de novo en 2016 o porto líder do arco atlántico en canto a número de pasaxeiros, con días grandes para a cidade, que poderá gozar das escalas inaugurais de dous novos colosos de Royal Caribbean, o ‘Harmony of the Seas’ e o ‘Ovation of the Seas’. Ademais, volveremos recibir ao ‘Independence of the Seas’ (xemelgo do ‘Ovation of the Seas’), que sumará 4 escalas máis ás xa 125 visitas que realizou a Vigo nestes últimos anos. 

O ano 2016 suporá, ademais, o retorno aos embarques desde Vigo, sendo posible de novo empezar unhas vacacións diferentes desde o Peirao de Transatlánticos. Esta vez, será grazas ao cruceiro ‘Empress’ da compañía Pullmantur, que dará inicio en Vigo ao cruceiro ‘Encantos de Europa’ e que posteriormente visitará os portos de Bilbao, Lle Havre (Francia), Dover (Reino Unido), Ijmuiden (Holanda) e Malmö (Suecia).

17 de novembro de 2015 | 12:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.