publicidade hoxe

A alcaldesa de Mos supervisa as obras de mellora da seguridade vial na estrada Puxeiros-Rebullón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
A alcaldesa de Mos na visita ás obras

A alcaldesa de Mos na visita ás obras

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto cun técnico da Deputación de Pontevedra, o concelleiro de Vías e Obras mosense, Luis Alonso, e o tenente alcalde, Alberto Méndez, visitou esta mañá a obra de mellora da seguridade viaria na Estrada Provincial 2604 Puxeiros-Rebullón subvencionada pola administración provincial e cun orzamento total de preto de 300.000 euros.

Estes traballos acométense ao abeiro do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais (PUSIM) 2014. O ámbito de actuación comprende a totalidade da estrada, cunha lonxitude aproximada de 805 metros.

A importancia desta obra ven dada polo tráfico que soporta esta estrada, que é moi elevado, cunha intensidade media diaria de vehículos pesados de preto de 400 (categoría T2), debido a que serve de acceso ao Polígono Industrial do Rebullón. 

As obras consisten na rehabilitación superficial do firme cunha nova capa de rodadura de asfalto, instalación de sinalización vertical, pintado de sinalización horizontal ou marcas viais, e acometida de sistemas reductores de velocidade tales coma tres pasos de cebra elevados en substitución dos existentes, que teñen unha altura de 10 cm, unha lonxitude da zona elevada de 4 metros e unha lonxitude das rampas de 1 metro.

As obras de mellora da seguridade vial na EP-2604 (Puxeiros-Rebullón) inclúen traballos complementarios á rehabilitación superficial do firme da estrada, que son actuacións puntuais en beirarrúas peonís e creación de pasos elevados, ordenación de zona de aparcadoiros no ámbito do Hospital Rebullón, reparación da canalización de abastecemento municipal, e mellora das condicións de drenaxe. 

As actuacións nas beirarrúas estanse a levar a cabo no tramo inicial da estrada que está moi urbanizado, con edificacións e beirarrúas a ambos os dous lados, dende o ámbito da glorieta de Puxeiros ata o cruzamento co acceso ao Polígono do Rebullón. Neste tramo era conveniente mellorar a seguridade vial mediante a reparación puntual de beirarrúas e a elevación dalgúns pasos peonís, o cal serve para intentar reducir o índice de accidentes por atropelo, e a velocidade en tramo urbano. Ademais entre o punto kilométrico 300 e o punto kilométrico 335 foi necesario dar continuidade á beirarrúa inexistente nesa zona, e dotar de varanda ese tramo. 

A maiores, no ámbito do Hospital Rebullón, xéranse novos espazos de aparcadoiro con itinerarios peonís adaptados. Realízase unha nova banda de aparcadoiro de 2.50 metros con beirarrúa de 1.80 metros, dando cumprimento ás normativas de accesibilidade. Esta zona comunícase co acceso ao Hospital mediante o paso de peóns que se proxectou elevado. Construiranse tamén outros dous pasos de peóns elevados, un fronte ó Colexio Lar e outro en Puxeiros.

Nesta estrada a velocidade do tráfico queda limitada a 50 kilómetros por hora en zonas de travesías con beiravías e a 30 por hora en zonas urbanas. 

Ademais, e como xa se mencionou arriba, esta obra incluiu tamén a reparación da tubería de abastecemento municipal que transcorre pola estrada e a mellora das condicións de drenaxe cun novo deseño de evacuación de augas pluviais. 

Segunda fase Puxeiros-Peinador

Este proxecto contempla unha segunda fase, tal e como explicaba a rexedora local mosense, na que se acometerá o tramo Puxeiros-Peinador, co mesmo obxectivo de mellora da seguridade viaria. O proxecto desta segunda fase xa se atopa elaborado e na Deputación de Pontevedra, polo que a alcaldesa, Nidia Arévalo, espera que se lle dea luz verde dende a administración provincial e poida ser posto en marcha canto antes, posto que se trata dun vial con gran volume de tráfico que dá servizo ó aeroporto, ó Polígono Industrial do Rebullón e ó IFEVI.

10 de novembro de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.