Xuventude financia o proxecto ‘Xaque Mate’ en Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, está a financiar este ano na provincia de Lugo con máis de 63.000 euros a un total de 11 asociacións e 7 grupos informais a través do programa de axudas Iniciativa Xove, o que permitirá que arredor de 90 mozos e mozas desenvolvan directamente 18 proxectos. As asociacións e grupos informais son dos municipios de Lugo, Mondoñedo, Castro de Rei, Cervo, Barreiros e O Saviñao.

Un destes proxectos é Xaque Mate, que desenvolve a asociación Xaquedrum de Lugo na capital provincial, e que ten como obxectivo achegar o xadrez dunha forma lúdica para aumentar os mozos e mozas que practican esta disciplina. A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe aos participantes nesta iniciativa no albergue xuvenil Lug 2, onde os mozos e mozas da entidade realizaron unha exposición dos diferentes xogos didácticos que levaron a cabo no marco do proxecto, e o xornalista Leontxo García pronunciou a conferencia ‘O xadrez ensínate a pensar e é moi divertido’.

En Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar inviste no programa Iniciativa Xove un total de 500.000 euros, para financiar 150 proxectos en 2015, nos que participan directamente máis de 750 mozos e mozas. Iniciativa Xove é un programa pioneiro a nivel de todo o Estado, onde a Administración non lle indica aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para despois apoialas co propósito de estimular o liderado, a creatividade e o talento xuvenil.

Neste programa poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas, e permite que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos. A Xunta financia o cen por cento dos proxectos presentados cun orzamento máximo por iniciativa de 4.000 euros. Todas as entidades e grupos aos que se lles concede a axuda e o solicitan reciben un anticipo do 80 por cento sobre o total da cantidade concedida.

Este ano, ademais, é a primeira edición onde as experiencias, competencias e habilidades adquiridas mediante o desenvolvemento dos proxectos de Iniciativa Xove contarán cunha certificación oficial expedida pola Xunta. Galicia é a primeira comunidade autónoma e, polo de agora, a única que certifica as competencias adquiridas coa participación en programas de educación non formal.

2 de outubro de 2015 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.