Xuventude continúa traballando en prol da mocidade co quinto encontro territorial coa rede galega de información xuvenil celebrado en Lugo
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presidiu no día de hoxe o quinto Encontro territorial de información xuvenil celebrado nas cidade de Lugo. Estes encontros enmárcanse nas reunións que a Dirección Xeral está a manter cos concelleiros de Xuventude e os profesionais da Rede Galega de información xuvenil co obxectivo de facilitar a participación activa e o intercambio de experiencias entre os diferentes axentes que traballan de xeito directo coa xuventude galega. Nas vindeiras datas celebraranse dous encontros máis nos Espazos Xoves de Carballo e Pontedeume que se sumarán aos xa celebrados nos Espazos Xoves de Curtis, Noia e Ourense, na Delegación Territorial de Vigo e ao mantido hoxe no albergue xuvenil ‘Lug II’.
Entre outros temas de interese, a directora xeral de Xuventude, animou aos participantes do Encontro a implicar os centros educativos dos seus municipios no programa Correspondentes Xuvenís que “permite descentralizar a información xuvenil para achegala aos mozos e mozas dun xeito máis directo a través dos seus propios compañeiros”.
O programa Correspondentes Xuvenís 3.0, posto en marcha en 2013, ten como principal obxectivo difundir a información xuvenil a través de iguais, entre os estudantes dos institutos de secundaria. Os correspondentes reciben semanalmente un boletín informativo elaborado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado con información de interese para a mocidade, que distribúen entre os seus compañeiros a través de diferentes medios.
No pasado curso escolar participaron 362 correspondentes xuvenís, distribuídos entre 75 institutos de Galicia e residencias xuvenís. Ademais do programa Correspondentes Xuvenís, os Encontros xiran en torno a outras catro temáticas: o programa de Garantía xuvenil, Educación non formal, Galeuropa e Iniciativas Xove.
Rede galega de Información Xuvenil
A Rede Galega de información xuvenil está composta por por 248 Oficinas Municipais de Información Xuvenil, 69 Puntos de Información Xuvenil e 12 Espazos Xoves dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, emprazadas en Betanzos, Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Chantada, Vilalba, Viveiro, Lalín, Tui, Vilagarcía e Ourense.
Por outra banda, hai que sinalar que os profesionais da Rede Galega de Información Xuvenil contan co certificado profesional de Informador Xuvenil. Neste sentido, Galicia foi pioneira en por en marcha tres procedementos de recoñecemento de competencias profesionais en información xuvenil a través da acreditación das súas competencias, adquiridas pola súa experiencia laboral e/ou pola formación obtida a través da educación non formal.











