publicidade hoxe

Xuntanza de Lamas organiza unha viaxe a Lugo no “Domingo das Mozas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

As festas do San Froilán arrancaron en Lugo esta fin de semana e son, sen dúbida, das que máis xente atraen de toda Galicia. Dous son os días máis destacados. Un é o do patrón -o 5 de outubro- e o outro é o “Domingo das Mozas”, o momento máis vistoso e tamén de máis afluencia de público. Para ese día -11 de outubro- a asociación de veciños Xuntanza de Lamas organiza unha viaxe á cidade das murallas. Hai que apuntarse o día 8 como moi tarde chamando a algún dos seguintes teléfonos: 666 317 279, 659 538 198 e 620 550 236. O prezo sen o xantar son 15 euros.

A saída está prevista para as 9 da mañá, de maneira que a chegada a Lugo sexa sobre as 10 ou 10.15h. O momento no que se inicia unha das actividades máis destacadas da xornada: a Ruta do traxe tradicional galego. Trátase dun desfile que converte en pasarela toda a cidade e, especialmente, os espazos habituais das festas como son a Praza maior, a Ronda da Muralla ou o Parque Rosalía de Castro.

Porén, ademais desta posibilidade, en Lugo hai moitas máis: a XVII Mostra de Música tradicional do Domingo das Mozas coa actuación dunha ducia de agrupacións, o San Froilán tecedeiro, a ofrenda floral a Rosalía de Castro, pasarrúas, monicreques… Un non parar que fará pasar o día nun abrir e pechar de ollos. Outro dos referentes do San Froilán está nas casetas do polbo situadas na banda sur do Parque Rosalía de Castro. Cómpre lembrar que a excursión a Lugo non inclúe xantar. Pero tampouco importa. Nas casetas pódese picar unha táboa de polbo. As pequenas -200gr.- custan case sete euros. Non avultan moito, pero manteñen. Por 11 euros podemos tomar unha tapa con bebida e un bo anaco de pan do país. Suficiente para termar da tarde e para cumprir cunha das tradicións irrenunciables para quen acode ao San Froilán. 

Iso si, hai que ter algo de paciencia se queremos xantar sentados e a unha hora máis ou menos aceptable. Onte domingo, día do patrón, ás 16.00h. aínda había xente facendo cola para entrar nas casetas. Por iso a recomendación que facemos é estirar a mañá todo o que se poida e despois probar o polbo fóra das casetas -arrimados a un pipote- despois das tres e media ou catro da tarde. Tamén hai que dicir que os hostaleiros dos garigolos do polbo son moi eficientes. Hai un exército de camareiros e camareiras, o polbo -de moi boa calidade, por certo- pícase á velocidade da luz e sírvese de inmediato, polo que as ringleiras de xente avanzan bastante rápido.

A A.VV. Xuntanza de Lamas puxo como data límite para apuntarse nesta viaxe o mércores 8. Só hai que chamar ao 666 317 279, ao 659 538 198 ou ao 620 550 236. 

En Naraío van aos Remedios

O mesmo día, este domingo 11 de outubro, a O Castelo de Narahío proponnos ir de romaxe aos Remedios, na veciña parroquia de Anca. Non é necesario apuntarse nin nada, abonda con estar ás 10 da mañá no cruceiro do Eirexado para saír a pé con destino á igrexa na que se lle rende tributo á santa, que recupera este ano unhas festas que levaban tempo sen se celebrar.

A ruta proposta pola asociación de veciños é boa de facer, xa que discorre case completamente polas pistas que unen Anca e Naraío. É un percorrido curto, aproximadamente 40 minutos, permitirá ir sen présa e chegar a tempo de asistir ás celebracións relixiosas.

5 de outubro de 2015 | 11:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.