publicidade hoxe

Xunta e Concello de Boiro inician a colaboración técnica para avanzar na regularización dos núcleos do litoral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroLocal Portada
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Boiro

Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Boiro

A Xunta de Galicia e o Concello de Boiro iniciaron hoxe a colaboración técnica destinada a avanzar na regularización dos núcleos tradicionais do litoral deste concello. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo na que tamén participaron a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o director da Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística, José Antonio Cerdeira.

Na reunión acordaron a posta á disposición do Concello de Boiro dos técnicos de urbanismo da Xunta de Galicia, co obxectivo de prestarlle ao municipio todo o asesoramento preciso para que poida acreditar co rigor necesario ante a Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente os fundamentos que deben permitir a regularización dos núcleos costeiros.

A conselleira destacou a colaboración que se brinda desde o seu departamento aos concellos para aproveitar a oportunidade histórica que abre a reforma da Lei de Costas para o recoñecemento dunha singularidade da organización urbanística galega. A ese respecto salientou a necesidade de que as administracións locais actúen coa dilixencia necesaria para resolver en prazo as incidencias que poidan xurdir na tramitación da regularización como poden ser os requirimentos de documentación extra.

Hai que ter en conta que Boiro é o concello que máis solicitudes de regularización presentou ante o, un total de 29. O concello dividiu os 29 núcleos costeiros sobre os que solicita a aplicación da Disposición Transitoria 1ª da Lei de Costas en tres grupos:

Ampliación de núcleos rurais recollidos no planeamento: Amanecida, Ribademar, Quinteiro, Reboredo, Ferreriros, Bodión-San Martiño, Exipto, Chancelas, O Careixo, Ponte Goiáns-O Coido, Escarís, A Magdalena e Peralto.

Núcleos non recollidos en planeamento: Bico de Mar, Garamelo, Vidres, Agüeiros, A Carballa, Serraques, Portomouro, Ladeira do Chazo, Chazo e Curro.

Zonas urbanas do planeamento vixente, con servidume de 100 metros e que o concello entende que xa eran urbanas con anterioridade á entrada en vigor da Lei de Costas: plan especial Escarabote; plan especial Cabo de Cruz para os asentamentos de Piñeirón, Campo, Ribeira Grande e Curbera; e a zona urbana de Barraña.

Durante a reunión celebrada hoxe foron revisados caso por caso as 29 solicitudes, co obxectivo de concretar e coordinar os pasos para completar a documentación acreditativa. Esta foi unha primeira reunión de traballo que precederá a outras de carácter máis técnicos cos servizos de Urbanismo da Xunta de Galicia.

Hai que destacar que a conselleira de Medio Ambiente vén de enviarlle unha carta aos rexedores dos 87 concellos costeiros de Galicia para poñer á súa disposición o asesoramento dos técnicos de urbanismo da Xunta de cara a acadar que o maior número de núcleos tradicionais do litoral poidan ser regularizados.

Desde a Xunta vénse traballando nunha demanda histórica, que consiste en reclamar que o solo de núcleo rural, propio da idiosincrasia galega, sexa asimilable á clase básica estatal de solo urbano.

Neste sentido, destaca o labor desenvolvido polo Executivo galego no que respecta ao asesoramento e á implicación con todos aqueles concellos que o solicitaron, e as numerosas reunións mantidas coa Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, co obxectivo de que o Goberno español entendese e recoñecese a verdadeira situación da costa galega. No mes de setembro foron dúas as reunión mantidas co departamento ministerial.

Regularización na Lei de Costas

A Lei de Costas aplica un réxime de limitacións na zona de servidume de protección, establecida en 20 metros no caso de solo urbano, e en 100 metros fóra del, de xeito que moitas das edificacións existentes en solo de núcleo rural do litoral quedan nunha situación de “fóra de ordenación”.

A Xunta sempre defendeu a singularidade de Galicia para facer compatible os núcleos tradicionais da costa coa protección do litoral. Grazas ao traballo conxunto realizado entre o Goberno galego e o Goberno central logrouse que a nova Lei de costas recollese, por primeira vez, un trámite excepcional para resolver unha demanda histórica e propiciar que os núcleos tradicionais costeiros puidesen ser regularizados.

Este camiño permite rebaixar a zona de servidume de costa dos 100 aos 20 metros, para os núcleos costeiros tradicionais nos que se acredite correctamente a concurrencia dos supostos establecidos por lei.

Hai que ter en conta que os municipios que non regularicen a situación dos núcleos ao abeiro da disposición transitoria da Lei de Costas, seguen tendo á posibilidade de facelo a través do Plan Xeral de Ordenación Municipal, para o que poderán contar tamén coa colaboración do Goberno galego.

1 de outubro de 2015 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.