Vilagarcía retoma o programa formativo para vendedores da praza de abastos “Comer cos ollos”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello de Vilagarcía, a través da Concellería de Mercados, pon en marcha esta semana a segunda edición de “Comer cos Ollos”, o programa de formación e asesoramento dirixido aos vendedores da Praza de Abastos. A través de cinco sesións, quince concesionarios familiarizaranse con técnicas de visual merchandising, e porán en práctica novas estratexias de atención ao cliente e de colocación do produto a efectos de mellorar o servizo e as ventas.

O gabinete Xeneme Proxectos Sociais será o encargado de desenvolver esta nova edición de “Comer cos Ollos” que se desenvolve de forma parella ás obras de mellora da imaxe que se están acometendo no pavillón da verdura e que se financia dentro do mesmo.

Os vendedores foron informados do programa que se desenvolverá en dependencias do Auditorio Municipal o xoves e venres desta semana, e o martes, mércores e xoves da seguinte. As sesións impartiranse en horario de tarde –excepto a do venres- para que os vendedores poidan compatibilizar a súa asistencia co traballo diario no mercado. O venres a clase será práctica e in situ, xa que servirá para analizar en conxunto os postos de cada participante a efectos de elaborar propostas e sacar ideas para mellorar a exposición do produto e o xeito de atraer ao cliente.

Profesionais de Xeneme, dunha empresa experta en Estratexias de Márketing Comercial e de Chío Infante, especializada en visual merchandising e técnicas de visualización de produto , serán os encargados amosar aos concesionarios da Praza as ferramentas que lles permitan unha comunicación máis eficaz co cliente, sacar mellor rendemento ás técnicas de comercialización, saber vender en tempos de crise e actualizar o modelo tradicional de negocio para axustalo á demanda dos novos tempos. Ademais, preténdese conciencialos sobre a importancia de que o colectivo da Praza traballe con estratexias conxuntas, xa que esa é a esencia do éxito que tiveron moitas prazas que apostaron por esta liña, como a de Santiago de Compostela.

Dado que o pasado ano xa participaran 15 praceiros (pescantinas, vendedoras de verdura, carniceiros e conxelados), a idea é que nesta edición tomen parte outros quince, a efectos de ir estendo a formación a todos os concesionarios.

Ademais, as tres vendedoras que o ano pasado gañaron o concurso final de “Comer cos Ollos”, intervirán no programa, contando a súa experiencia persoal o pasado ano, como afrontaron a mellora dos seus postos, que cambios positivos notaron dende entón e que aspectos consideran que se poderían mellorar.

27 de outubro de 2015 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.