Vigo decreta tres días de loito oficial pola muller supostamente asasinada pola súa parella

Concentración en Vigo
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este martes que se decretaron tres días de loito oficial no Concello, en memoria da muller de 30 anos, de nacionalidade portuguesa, supostamente asasinada pola súa parella na cidade.
Así o anunciou o rexedor en declaracións aos medios tras participar nunha concentración silenciosa na Lonxa do Concello, na que tamén estiveron presentes membros da corporación, de todos os grupos municipais.
Caballero recordou que a muller falecida, o corpo da cal foi localizado este luns pola tarde nun domicilio da rúa Fragoso (onde tamén apareceu o cadáver da súa parella, que se suicidaría), estará “sempre na memoria” dos cidadáns, e lamentou que foi “vítima dun crime execrable, ante o que a cidade de Vigo de novo ser rebela”.
“CLAMOR CONTINUO”
O rexedor subliñou que a cidade “quere manter un clamor continuo en contra da violencia machista”, e avogou porque ese rexeitamento se inculque dende a etapa educativa nos mozos.
Así mesmo, recordou que hai un mes aproximadamente, a cidade xa estivo de loito por outro asasinato machista, o dunha muller brasileira que morreu a golpes da súa parella, quen logo se entregou á Policía. Ante estes dous feitos “terribles”, Caballero insistiu en que caia todo o peso da lei” sobre os supostos autores.
Ademais da concentración de Vigo, outras cidades acolleron actos de repulsa polo crime da rúa Fragoso. Así, se celebraron concentracións ante o Concello de Fene (A Coruña), ou ante a sede da Deputación de Pontevedra.
VALORACIÓNS
Á marxe desas concentracións, o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, que este martes visitou a feira Conxemar en Vigo, tamén tivo palabras de condena por este crime. Vence fixo un chamamento a “levantar a voz” e poñer “todo o empeño para erradicar dunha vez esa lacra da violencia machista”.
“Hoxe é un día moi triste para todos. Non podemos soportar máis mortes machistas”, afirmou en relación co crime de Vigo, que supón a cuarta muller morta a mans da súa parella no que vai de ano en Galicia. Así mesmo, o voceiro nacional do BNG lanzou unha “mensaxe de solidariedade” cara a todas as mulleres, especialmente as que sofren esa violencia.
O PSdeG, pola súa banda, transmitiu o seu máis “enérxica condena” tanto polo asasinato desta muller en Vigo, coma polas outras dúas mortes acontecidas o luns no resto de España.
Así mesmo, a secretaria de Igualdade do partido, denunciou que “os datos de Galicia son dramáticos nos que vai de ano”, e reclamou ao Goberno autonómico máis recursos para loitar contra a violencia de xénero e a desigualdade. Finalmente, chamou os cidadáns a participar na marcha do 7 de novembro contra a violencia machista.











