Ventos do Val participa nun encontro de corais en Santander
A Coral Polifónica Ventos do Val da Parroquia de Petelos viaxa esta vindeira fin de semana a Santander para realizar un intercambio cultural coa Coral Polifónica Santa María de Cueto.
Ventos do Val realiza con periodicidade intercambios culturais atendendo así ás peticións doutras agrupacións musicais corais que os solicitan. Nesta ocasión as voces de Petelos trasladaranse ata a capital cántabra onde permanecerán os próximos días 10, 11 e 12 de outubro para participar nun encontro xunto con outras corais da Comunidade Autónoma de Cantabria.
Durante estes días a Coral Polifónica Ventos do Val dará dous concertos no barrio de Cueto, un dos cales celebrarase o domingo 11 de outubro ás 19.30 horas. Cada actuación constará de cancións galegas, ‘habaneras’, ‘jotas’, ‘boleros’, ‘zarzuelas’ e cancións mariñeiras.
Para a Coral Ventos do Val as saídas deste tipo teñen como obxectivo o de representar con honra ó municipio de Mos e ó folclore galego fóra da comunidade. Aseguran que en Santander sempre son ben recibidos por contar esta cidade cun Centro Galego que lembra Galicia con moito cariño.











